A Asociación de Grupos de Desenvolvemento Rural consolídase como entidade colaboradora para o cumprimento da Lei de recuperación da terra agraria

Tras a sinatura do pertinente convenio, a entidade aconsellará e orientará aos mozos e mozas que se incorporan á actividade agraria e ofrecerá asesoramento a iniciativas de solicitude de polígonos agroforestais ou actuacións de xestión conxunta, no marco da Lei

Abegondo (A Coruña), 25 de outubro de 2021

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, asistiu hoxe -no concello coruñés de Abegondo- á xunta directiva da Asociación de Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR) de Galicia. Alí, puxo de relevo que a entidade vén de asinar un convenio coa Axencia para exercer de colaboradora de cara ao cumprimento dos obxectivos da Lei de recuperación da terra agraria, que entrou en vigor o pasado 22 de maio.

Así, a Asociación de GDRs de Galicia pode aconsellar e orientar ás persoas mozas que se incorporan á actividade agraria en materia de información, formación, análises técnicas e asesoramento xurídico. Tamén ofrecer asesoramento e acompañamento a iniciativas de solicitude de polígonos agroforestais ou actuacións de xestión conxunta, entre outros instrumentos de mobilización, no marco da nova Lei. Do mesmo xeito, debe estar vixiante sobre a posible existencia de terras en abandono ou infrautilización e notificalo á Consellería do Medio Rural, co fin de impulsar figuras de recuperación que poidan poñer en valor esas terras.

Desta forma, os interesados en implementar algún dos instrumentos de recuperación de terras ao abeiro desta Lei ou que queiran incorporarse á actividade agraria teñen máis opcións para informarse e asesorarse, ademais de facelo nas entidades vinculadas ao medio rural. Neste senso, o recoñecemento desta entidade como colaboradora tamén favorece, en termos xerais, o desenvolvemento dos territorios, facilitando o intercambio de información e experiencias entre distintas zonas e axentes do rural.

Nesa liña, cabe sinalar que a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural compensará os gastos nos que incorra a Asociación de GDRs de Galicia para levar a cabo os fins sinalados. O convenio de colaboración estará vixente ata o 31 de decembro de 2022, podendo prorrogarse por un período de ata catro anos adicionais se as partes o consideran oportuno.

Posible aldea modelo en Paderne

Xa pola tarde, a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural acudirá ao tamén concello coruñés de Paderne, onde avaliará a posibilidade de implantar unha aldea modelo no lugar da Esperela.

Así, Inés Santé visitará a zona que abranguería esta figura de posta en valor da Lei de recuperación, que persegue concretamente xerar actividade agraria rendible arredor de núcleos de poboación. Esta actividade non só busca contribuír ao asentamento poboacional no rural senón tamén a xerar riqueza mediante actividade agrícola, gandeira ou forestal que sirva, ao tempo, de devasa natural fronte aos lumes, avanzando na anticipación aos incendios forestais.
 

Imaxes relacionadas