Mo_Cidade 2021 consolídase como espazo referente para a xuventude ao reunir a máis de 200 mozos de toda Galicia arredor da creación audiovisual, o emprendemento, a cultura e a tecnoloxía

Recibíronse máis de 300 solicitudes en tan só unha semana para acudir ao evento, pero debido ás limitacións de aforo soamente puideron asistir 200 persoas procedentes de distintos puntos da xeografía galega

A segunda xornada da cita ofreceu conferencias sobre tecnoloxía e videoxogos, influencers e novas plataformas, o sector audiovisual e a cultura e o Xacobeo

Santiago de Compostela, 22 de outubro de 2021

O evento Mo_cidade 2021, posto en marcha pola Xunta de Galicia, clausura hoxe a súa segunda edición e ratifícase como espazo referente para a xuventude galega ao reunir a máis de 200 mozos e mozas arredor da creación audiovisual, o emprendemento, a cultura e a tecnoloxía. Nesta segunda e última xornada, que se puido seguir por streaming a través da canle de Youtube de Xuventude, a cita ofreceu conferencias sobre tecnoloxía e videoxogos, influencers e novas plataformas, o sector audiovisual e a cultura do Xacobeo.

A programación no día de hoxe comezou con dúas mesas redondas. Unha delas sobre tecnoloxía e videoxogos, que contou coa participación de, entre outros, Jaime García Cantero, director de contidos de El País Retina, e Roberto Yeste, director de negocio de Playstation Iberia.

A segunda mesa centrou o tema nos influencers, plataformas e novas canles de comunicación, na que se contou coa responsable de asuntos públicos de Tik Tok Iberia, Yasmina Laraudogoitia e, posteriormente, co humorista Xurxo Carreño e a blogueira Cristina Cerqueiras, moderados pola xornalista Esther Estévez. Así mesmo, a mañá pechou cunha conferencia sobre hábitos de vida saudables coa participación de representantes, xogadores e xogadoras do R.C. Celta de Vigo e do R.C. Deportivo de A Coruña.

Pola tarde continuarán as conferencias, centradas esta vez no potencial de Galicia como creadora audiovisual, na que se conta coa presenza do director de cine Oliver Laxe, a guionista Raquel Arias e as actrices María Mera e Déborah Vukusic, moderados pola xornalista Marta Gómez. De seguido, Manuel Gago, director de culturagalega.gal, escritor e profesor universitario falará da cultura na comunidade, o Xacobeo e as oportunidades que ofrece. Xa para terminar, igual que na xornada do venres, celebraranse concertos a cargo de Marem Ladson e Oh! Ayatollah.

Media de idade de 23 anos

A Cidade da Cultura acolleu esta cita, para a que se recibiron máis de 300 solicitudes en tan só unha semana, pero debido ás limitacións de aforo unicamente puideron asistir presencialmente 200 persoas procedentes de distintos puntos da xeografía galega, que contaron con aloxamento e almorzo gratuíto no Monte do Gozo. A medida de idade dos participantes foi de 23 anos.
Durante os dous días de Mo_cidade 2021 púxose á disposición de participantes multitudes de actividades que lles permitiron enriquecer o coñecemento, adentrarse en eidos puxantes como as novas plataformas de comunicación e coñecer o traballo de mozas e mozas, que coma eles e elas, achegan moito á sociedade actual.
Deste xeito, celebráronse un total de 9 charlas e mesas redondas temáticas durante o encontro, preto de 30 relatores compartiron cos participantes a súa experiencia, tiveron lugar 4 concertos de artistas novo galegos, serviu de sede para a Liga Xunta de Galicia de Break, que se celebrou ao longo deste sábado, e acolleu dúas finais do programa Xuventude Crea: Videocreación e Creación de Videoxogos.
A maiores disto, durante todo o evento dez asociacións xuvenís mostraron o seu traballo en stands divulgativos. Estiveron presentes as seguintes entidades: Asociación Xeración de Ferrol; Federación de Centros Xuvenís Don Bosco, de Santiago de Compostela; Ocionautas, de A Estrada; ASDE Scouts de Galicia, de A Coruña; ValoreSC Innovation, de Ourense; Cooperación Internacional, de Santiago de Compostela; Amicos, de Boiro; Simbiose, de A Coruña; Fundación Eduardo Pondal, de Ponteceso; e mozos galegos que forman parte do programa europeo Embaixada do Diálogo coa Xuventude.

Imaxes relacionadas