A Xunta apoia a 48 mulleres da cárcere da Lama na súa aprendizaxe e preparación para a vida en liberdade

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, visitou hoxe ás reclusas que participaron no programa Mírate da Asociación Érguete, unha iniciativa que financia a Administración autonómica desde 2009 para colaborar na reinserción social e laboral das mulleres en situación de vulnerabilidade

Lorenzana avogou por unha política global de xénero no ámbito penal para dar resposta á necesidade de apoio que teñen as mulleres que están ou estiveron en prisión, garantindo a súa seguridade, formación e reinserción en condicións de igualdade

Mírate ofrece talleres formativos para que as alumnas, cunha idade media de 42 anos, gañen confianza, recursos e habilidades para que poidan afrontar os casos de discriminación

Preto de 270 mulleres participaron nos últimos seis anos no programa, que conta cun equipo de intervención formado por unha educadora, unha psicóloga, unha traballadora social e un avogado para resolver cuestións xurídicas

A Lama (Pontevedra), 22 de outubro de 2021

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, visitou hoxe ás mulleres da cárcere da Lama que participaron no programa Mírate, que desenvolve a asociación Érguete, co financiamento económico da Xunta, para apoiar a reinserción social e laboral das reclusas que se atopan nunha situación de vulnerabilidade. Este ano, un total de 48 mulleres tomaron parte desta iniciativa a través da que se fixeron tres talleres formativos de aprendizaxe e preparación para a vida en liberdade. As tres accións centráronse na autoestima, autocoñecemento e motivación para o cambio; a xestión emocional; e sobre sexualidade.
Lorenzana avogou por unha política global de xénero no ámbito penal para dar resposta á necesidade de apoio que teñen as mulleres que están ou estiveron nunha institución penitenciaria (ou cumpriron algún tipo de medida alternativa) para a súa reinserción social e laboral. “É preciso dar cobertura a estas mulleres para que poidan afrontar unha saída sen ningún tipo de discriminación”, apuntou a conselleira.
O obxectivo de Mírate, que a Xunta apoia desde o ano 2009, é facilitar un itinerario integral de acompañamento das mulleres en situación de vulnerabilidade para que poidan superar os obstáculos que dificultan a súa integración. A idade media das mulleres que participaron nesta edición do programa foi de 42 anos. Das 48 mulleres atendidas, 34 tiñan historial de consumo de drogas, 4 conseguiron a liberdade e outras 4 tiveron progresións de grao, 20 participaron nos talleres formativos, 7 conseguiron un traballo e 3 finalizaron a ESO. O equipo de intervención estivo formado por unha educadora, unha psicóloga, unha traballadora social e un avogado para resolver cuestións xurídicas. En 2020, grazas a esta iniciativa, un 12% de mulleres máis que en 2019 melloraron a súa situación.
“Trátase dun labor para que as mulleres gañen confianza, recursos e habilidades para que poidan afrontar situacións de desigualdade”, apuntou. Nos últimos seis anos, preto de 270 mulleres participaron na actividade que tamén se desenvolveu, ademais da Lama, en Vigo, Ourense e Teixeiro.

Imaxes relacionadas