A directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, interveu hoxe na Comisión 2ª do Parlamento

A Xunta destaca que a Lei do ciclo da auga ofrece aos concellos un novo modelo de xestión voluntario para mellorar os servizos e o coidado ambiental

A responsable de Augas de Galicia reitera que a Lei non leva aparelladas novas taxas e se limita a reordenar as que xa existen, de aplicación só nos concellos que cedan a xestión dos seus sistemas de saneamento ou depuración á Xunta

Destaca a vontade de dar resposta ás solicitudes de apoio dos municipios con dificultades técnicas e financeiras para a axeitada xestión dos servizos da auga

Concreta que a metade das depuradoras xestionadas polos municipios presentan deficiencias, podendo supor consecuencias negativas na saúde pública ou no medio

Lembra que a Xunta xa explota 28 depuradoras municipais e agora estende a oportunidade a todos os Concellos que pidan esa xestión profesionalizada da auga

Precisa que Augas de Galicia lle aclarou esta semana a técnicos da Fegamp os cálculos erróneos que a Federación efectuou na simulación de cobro formulada

Santiago de Compostela, 21 de outubro de 2021

A directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, interveu hoxe na Comisión 2ª do Parlamento, onde salientou que a Lei de mellora da xestión do ciclo integral da auga contribuirá a mellorar a calidade das augas e a atender as necesidade de apoio dos concellos para exercer as súas competencias de saneamento, abastecemento e depuración. Trátase dun modelo de xestión voluntario que se ofrece aos concellos para mellorar os servizos e o coidado ambiental.

Teresa Gutiérrez destacou que se trata de dar resposta ás solicitudes de apoio que trasladan os municipios ao ter dificultades técnicas e financeiras para exercer de forma correcta as súas responsabilidades sobre os servizos urbanos da auga. E convidou aos concellos e ás deputacións provinciais a sumar esforzos para acadar un modelo positivo para todos.
A responsable de Augas de Galicia reitera que a Lei non leva aparelladas novas taxas e que se limita a reordenar as que xa existen, de aplicación só nos concellos que cedan a xestión dos seus sistemas de saneamento ou depuración á Xunta.
Concretou que estas dificultades están constatadas, pois a metade das depuradoras que xestionan os concellos teñen deficiencias, o que pode supor consecuencias negativas para a saúde pública, o medio natural, a pesca, o marisqueo ou o turismo. Ademais, os municipios solicitan de forma reiterada o apoio da Xunta para mellorar o funcionamento dos seus sistemas de abastecemento, saneamento e depuración.

Neste sentido, explicou que a lei achegará unha ferramenta de xestión profesionalizada coa que se avanzará na igualdade de condicións no territorio e de prezos xustos e se acadarán aforros na explotación agrupada, aproveitando as economías de escala e as sinerxías.

Subliñou que a Xunta, a través desta lei, ofrece un modelo de xestión para os municipios que o soliciten voluntariamente, pero tamén teñen a opción de continuar coa xestión das súas instalacións como ata agora.

Lembrou que Augas de Galicia xa xestiona actualmente 28 depuradoras municipais e agora, con esta lei, estenderase esta oportunidade a todos os Concellos que soliciten ese encargo da explotación dos seus servizos.

Sen novas taxas

Reiterou que a lei non leva aparelladas novas taxas aos usuarios, senón que se reordenan as que existen e se substitúen as dos concellos nos casos de que estes cedan a xestión voluntariamente das súas infraestruturas hidráulicas a Augas de Galicia.

Precisou que Augas de Galicia lle aclarou esta semana a técnicos da Fegamp os cálculos erróneos que a Federación efectuou na simulación de cobro formulada.

A directora remarcou que a Xunta busca a maior transparencia e participación para acadar unha norma mediante a que se constrúa un modelo para todos e feito por todos e lembrou os diferentes foros de presentación e debate organizados sobre o anteproxecto de Lei, cuxo período de consulta pública se ampliou por dúas veces.

Imaxes relacionadas