A Xunta prioriza a creación de polígonos agroforestais en 71 concellos nos que a demanda de terra agraria coincide con superficie abandonada ou infrautilizada

Rueda explica que estes son os resultados que se extraen despois de cruzar os datos de oferta de superficie abandonada coa demanda de terra agraria que se coñeceu logo de convocar a Manifestación de Interese da Consellería do Medio Rural

Santiago de Compostela, 21 de outubro de 2021

O vicepresidente primeiro do Goberno galego, Alfonso Rueda, avanzou hoxe que a Xunta priorizará a creación de polígonos agroforestais en 71 concellos nos que a demanda de terra agraria coincide coa superficie abandonada ou infrautilizada en zonas de concentración parcelaria. En total, abundou, serán unhas 5.000 hectáreas con boa capacidade produtiva, que pasarán a considerarse zonas preferentes de actuación para o seu aproveitamento.

A este respecto, Rueda explicou que estes son os resultados que se extraen despois de cruzar os datos de oferta de superficie abandonada -707 zonas de parcelarias repartidas en 88 concellos- coa demanda de terra agraria que se coñeceu logo de convocar no mes de marzo unha Manifestación de Interese (MDI), por parte da Consellería do Medio Rural, dirixida a identificar proxectos aspirantes aos fondos de reconstrución europeos coa conseguinte recepción de 1.500 iniciativas.

Trátase, en definitiva, dixo, de seguir avanzando cara a un rural vivo e produtivo, maximizando as posibilidades do noso territorio.
 

Imaxes relacionadas

Departamento:
A Presidencia da Xunta