A conselleira do Mar visitou hoxe a 34ª edición da feira internacional de alimentación e bebidas de calidade Gourmets

Galicia eleva en medio millón de euros os fondos para a comercialización e a promoción exterior dos produtos do mar no proxecto de orzamentos de 2022

O Executivo galego prevé investir máis de 9 millóns de euros o ano que vén en actuacións que permitirán avanzar na posta en valor e internacionalización dos produtos do mar a través da presenza en eventos como o Salón Gourmets

A comunidade participou en catro feiras no que vai de ano para difundir a calidade dos produtos galegos de orixe mariña e prevé acudir a arredor dunha ducia de certames durante o próximo ano

A Xunta promociona os peixes e mariscos galegos en Gourmets coa campaña GALICIA SABE AMAR, que este ano leva percorrido catro feiras de alimentación tras recuperar a súa presenza nos eventos deste tipo despois do parón derivado das restricións pola pandemia da covid-19

Rosa Quintana subliñou que a presenza nas feiras é unha forma máis de recoñecer o papel crucial da cadea mar-industria para subministrar de alimentos de calidade á cidadanía durante os momentos máis complicados do coronavirus

A Consellería do Mar está presente nesta edición de Gourmets cun espazo de 378 m² de superficie no que acolle a 24 entidades da cadea mar-industria e a Consellería do Medio Rural participa cun posto de 414 m² no que alberga un total de 37 empresas agroalimentarias

Madrid, 20 de outubro de 2021

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, visitou hoxe a 34ª edición da feira internacional de alimentación e bebidas de calidade Gourmets que acolle Madrid ata mañá xoves, un evento que se converte nunha nova oportunidade para promocionar os produtos do mar de Galicia. Neste sentido, a titular de Mar salientou a importancia de encontros coma este para impulsar a internacionalización do sector e destacou que, por iso, o proxecto de orzamentos da Consellería para 2022 prevé o investimento de máis de nove millóns de euros para este tipo de actuacións, 500.000 euros máis ca este ano.
A representante do Executivo galego subliñou que esta previsión de incremento nas contas do próximo ano busca blindar as actuacións que teñen que ver coa mellora da comercialización dos produtos do mar, coa internacionalización do sector e coa promoción exterior. Isto permitirá avanzar na posta en valor dos produtos do mar en eventos como o Salón Gourmets, que comezan a retomar a súa axenda tralas dificultades derivadas da alerta sanitaria polo coronavirus.
Rosa Quintana tamén puxo en valor neste evento a promoción dos peixes e mariscos galegos que está a realizar a Xunta a través da campaña GALICIA SABE AMAR, que este ano, con Gourmets, leva percorrido catro feiras de alimentación. Deste xeito, expuxo a titular de Mar, a comunidade galega recupera pouco a pouco a súa presenza nos encontros deste tipo, tralo parón derivado das restricións da pandemia da covid-19, e no 2022 prevé promocionar a calidade dos produtos do mar en arredor dunha ducia de feiras nacionais e internacionais.
A representante da Xunta subliñou que a presenza nas feiras é unha forma máis de recoñecer o papel crucial da cadea mar-industria e das mulleres e homes que saíron ao mar para subministrar alimentos de calidade á cidadanía durante os momentos máis complicados da pandemia. Ademais é un xeito de apoiar e poñer en valor a nivel internacional esta actividade de grande importancia na economía de Galicia.
Esta posta en valor, especificou a conselleira, realízase baixo o paraugas da campaña GALICIA SABE AMAR, que incide na importancia de consumir os produtos do mar e na gran variedade de peixes e mariscos da máxima calidade que o complexo mar-industria de Galicia pon a disposición da cidadanía.
A Consellería do Mar está presente nesta edición de Gourmets cun espazo de 378 m2 de superficie no que acolle a 24 entidades da cadea mar-industria, que son: Sepink Hispania, Porto-Muiños, Mariscos Daporta, Pasteurizados Cíes, Pescados Rubén, Conservas La Brújula, Frigoríficos Arcos, Conservas Portomar, Ramón Franco, Conservas del Noroeste, Consello Regulador do Mexillón de Galicia, Conservas y Refrigerados del Atlántico, Pescados Marinos 2016, Organización de Palangreros Guardeses, Froitomar, Alimentos Javimar, Conservera Gallega, Salgado Congelados, Conservas Artesanas Curricán, Recién Pescado, Mares de Galicia, Costas y Miñán, Alejandro Canedo Liñares e Luís Escuris Batalla.
Este espazo da Consellería do Mar conta con elementos e estruturas que recrean motivos relacionados co mundo do mar e dos peiraos e dispón dunha aula de degustacións na que se amosan os beneficios dos produtos do mar de Galicia como os procedentes da pesca artesanal e amparados polo selo de calidade pescadeRías. Tamén se promocionan a Denominación de Orixe Protexida Mexillón de Galicia, as conservas de peixes e mariscos e os produtos do mar ecolóxicos e de organizacións de produtores, entre outros.

Produtos do agro

Ao espazo da Consellería do Mar súmase o da Consellería do Medio Rural, que participa cun posto de 414 m² de superficie no que acolle un total de 37 empresas agroalimentarias. Deles, 15 expositores son de adegas e outros 22 de representantes do sector do viño, carne, queixo, mel, produtos transformados e repostería, entre outros. Nos diferentes espazos danse a coñecer estes produtos coa celebración de diversas catas e degustacións. Tamén están presentes diferentes consellos reguladores.

Imaxes relacionadas