A Xunta inicia as obras de mellora da estación de autobuses do Grove
Os traballos, cun prazo de execución de dous meses, suporán un investimento autonómico de máis de 48.000 euros
A Xunta comezou hoxe as obras de mellora e de acondicionamento da estación de autobuses do Grove. Os traballos, cun prazo de execución de dous meses, suporán un investimento autonómico de máis de 48.000 euros.
As actuacións previstas engloban a limpeza da cuberta e os canalóns, así como o arranxo de filtracións e o tratamento anticorrosivo das súas superficies metálicas. As obras tamén inclúen melloras nos aseos e a reparación do bordo da dársena de estacionamento dos autobuses, xunto coa instalación dun cartel identificativo.
Cómpre lembrar que a estación de autobuses do Grove púxose en servizo en xuño de 2002 e ao longo deste tempo foi obxecto de distintos traballos de acondicionamento e de mellora.
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade continúa traballando na conservación e mantemento das terminais de autobuses da comunidade co fin de facilitar o acceso dos cidadáns aos servizos de transporte público.