A Xunta propón un aumento de persoal nos GES de Mos/Redondela, A Estrada e Lalín para que conten con 12 efectivos

O Goberno galego proporá mañá ás deputacións provinciais e á Fegamp no marco da Comisión de Seguimento dos GES aumentar o persoal para que tódolos grupos da comunidade conten con 12 integrantes, o que suporía a contratación de 48 persoas para completar os GES que ata agora tiñan 6, 9 ou 10 membros

Ademais dos GES da provincia de Pontevedra, tamén verían incrementados os seus efectivos os de Quiroga e Folgoso do Courel na provincia de Lugo e os de Lobios, Muíños, Laza, Ribadavia e Avión na provincia de Ourense

A Xunta tamén plantexará na reunión de mañá incrementar o custo dos 4 servizos municipais de emerxencias e crear un subGES no Grove
 

Pontevedra, 19 de outubro de 2021

A Xunta proporá mañá na Comisión de Seguimento dos Grupos de Emerxencia Supramunicipal (GES), na que tamén están representadas as deputacións provinciais e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), aumentar o persoal para que tódolos GES teñan 12 efectivos, o que suporía contar con 48 persoas máis para distribuír entre os grupos de toda Galicia que no seu momento foron concibidos como SubGES con 6, 9 ou 10 membros.

Na provincia de Pontevedra esta medida aplicaríase nos GES de Lalín e A Estrada, que contan con 6 e 10 membros respectivamente e tamén no de Mos/Redondela, creado este ano e que conta con 6 integrantes en cada unha das subsedes, polo que en total os novos efectivos na comunidade serían 48 equivalentes a 4 GES completos.

Xunto con estes GES da provincia de Pontevedra tamén verían incrementados os seus efectivos outros 5 da provincia de Ourense -Lobios, Muíños, Laza, Ribadavia e Avión- e os GES de Quiroga e Folgoso do Courel da provincia de Lugo.

Por outra parte, na reunión de mañá a Xunta proporá tamén crear un subGES con seis efectivos no Grove.

Outra das propostas está relacionada co aumento do custo dos 4 servizos municipais de emerxencias en Galicia -Ponteareas e Sanxenxo na provincia de Pontevedra xunto co de Terras de Celanova, en Ourense e o creado este ano no concello coruñés de Noia-para equiparalo ao dos GES.

Ademais, prevese actualizar os custos salariais dos efectivos co obxectivo de adaptalos ao custo real dos GES na actualidade, tendo en conta o aumento desde que asinou o primeiro convenio entre a Xunta, as deputacións e os concellos en 2013.

Deste xeito, tendo en conta que a Xunta financia máis da metade do custo dos GES, estas cuestións suporán un incremento de máis de 1,5 millóns de euros anuais na aportación por parte do Goberno galego que podería financiarse a través do Fondo de Cooperación Local (FCL) aumentando a partida dedicada aos servizos de emerxencia.

Por tanto, o incremento económico total sería de 2,9 millóns de euros, dos que a Xunta asumiría 1,5 millóns, mentres que entre as catro deputacións provinciais terían que destinar 1,1 millóns -o 40%- e entre os concellos sede 220.875 euros por ano, o 7,5% restante.

Con esta proposta da Xunta, pasaríase a 35 GES e 4 servizos municipais actuais, é dicir, 39 GES en total, aos que se engadiría medio GES no Grove. Os GES estarían conformados por un total de 474 efectivos, dando cobertura a 189 concellos e complementando a atención a emerxencias prestada polos consorcios de extinción de incendios e salvamento, tamén cofinanciados polo Goberno galego.

A Xunta reafirma así o seu compromiso para colaborar no mantemento dos GES postos en marcha en 2013 en consenso coas deputacións e concellos. Deste xeito, a Administración autonómica destinou nos últimos anos 7 millóns de euros en material cedido aos concellos sede destes grupos, aos que se suman outros 40 millóns de euros para financiar máis da metade do seu custo de mantemento.