A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade e o alcalde de Padrón, Antonio Fernández, asinaron hoxe en San Caetano o acordo de colaboración para impulsar estas obras

Ethel Vázquez adianta que a Xunta destinará o vindeiro ano 1,15 M€ á ampliación da rede de saneamento de Padrón

Vázquez Mourelle avanza que os Orzamentos da Xunta do vindeiro ano inclúen, ademais, unha partida de 1,43 M€ para a redución do risco de inundación nos ríos Ulla e Sar

O acordo selado hoxe consiste na execución dunha rede de colectores e 4 estacións de bombeo de augas residuais nos núcleos de Herbón, Lestido, A Aduana e O Paraíso

A Xunta achegará o 80% do orzamento e executará as obras, mentres o Concello de Padrón contribuirá co 20% restante

As intervencións darán servizo a unha poboación total futura de 669 habitantes e contan cun prazo de execución de seis meses

O Goberno galego segue prestando apoio técnico e financeiro aos concellos nas súas responsabilidades municipais de saneamento e depuración para continuar mellorando a calidade da auga e da vida da poboación do medio rural
 

Santiago de Compostela, 19 de outubro de 2021

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, adiantou que o proxecto de Lei de Orzamentos da Xunta para o 2022 recolle un investimento de 1,15 millóns de euros para a ampliación da rede de saneamento municipal do concello de Padrón.

Vázquez Mourelle confirmoulle hoxe ao alcalde, Antonio Fernández Angueira, estes investimentos, coincidindo coa sinatura do convenio de colaboración para impulsar a execución das obras dunha rede de colectores e catro estacións de bombeo de augas residuais nos núcleos de Herbón, Lestido, A Aduana e O Paraíso.

No encontro mantido en San Caetano, a conselleira concretou que o departamento que preside reserva en 2022 a partida de 1,15 M€, necesaria para executar estas obras.

Ademais, adiantou que as contas da Xunta do vindeiro ano prevén tamén un investimento de 1,43 millóns de euros para avanzar nas actuación para a redución do risco de inundación nos ríos Ulla e Sar, nos concellos de Padrón e de Valga.

Mellora do saneamento

En canto ao convenio selado esta mañá para a ampliación da rede de saneamento municipal, a Xunta apoiará ao Concello no desenvolvemento das súas competencias municipais cofinanciando as actuacións nun 80%, e licitará e executará as obras. A actuación será financiada pola Unión Europea, no marco do eixe REACT UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión á pandemia da covid-19.
Pola súa banda, o Concello de Padrón asume o restante 20% do financiamento das obras, a realización das xestións pertinentes para posibilitar a súa execución, así como a recepción, mantemento e conservación das actuacións que se leven a cabo.
Máis en detalle, as obras de ampliación da rede de saneamento existente executaranse de modo que se conecten á rede xeral para posteriormente ser conducidas ata a estación depuradora de Padrón as augas residuais xeradas en Herbón, así como nos núcleos do Barco, Lestido, O Piñeiro, Vista Alegre, A Aduana, O Pombal, O Muelle e O Paraíso, da parroquia de Iria Flavia.

A intervención centrarase na ampliación da rede de saneamento mediante unha serie de colectores por gravidade executados en tubaxe de PVC de diámetros 315, 400 e 500 mm. Ademais, prevense 4 estacións de bombeo (EBAR) nos puntos baixos: nos núcleos de Herbón, Lestido, A Aduana e O Paraíso. As impulsións proxéctanse en polietileno de 90 mm de diámetro.
Coa rede proxectada por Augas de Galicia darase servizo a unha poboación de 669 habitantes para o ano horizonte 2044.

Redución do risco de inundación nos ríos Ulla e Sar

No reunión de hoxe, a conselleira e alcalde abordaron tamén o traballo que se está a impulsar no marco do convenio de colaboración asinado o pasado mes de setembro polo que a Xunta investirá 3 millóns de euros na redución do risco de inundación nos ríos Ulla e Sar ao seu paso polo municipio.

A este respecto, Ethel Vázquez indicou que o obxectivo da Xunta e proceder á contratación das obras a mediados do vindeiro ano para que estean rematadas a finais 2023, dentro do período establecido para a execución dos fondos europeos FEDER cos que serán cofinanciadas.

Ethel Vázquez incidiu en que as actuacións previstas parten dunha planificación completa e ambiciosa realizada desde a Xunta, pois están recollidas no Plan de xestión específico da área de risco potencial significativo dos ríos Ulla e Sar.

 

Imaxes relacionadas