A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade informou hoxe ao alcalde, Javier Caínzos, de que os Orzamentos da Xunta de 2022 recollen esta partida para impulsar a execución destas obras no municipio coruñés

Ethel Vázquez avanza que a Xunta investirá o vindeiro ano 2,7 M€ na mellora do abastecemento de Teixeiro e do polígono industrial de Curtis

Executarase unha nova captación de auga para o abastecemento e ampliarase a estación potabilizadora para servir a unha poboación de preto de 5.200 habitantes no ano horizonte 2042

Para garantir auga potable á poboación, aos axentes industriais e ao centro penitenciario de Teixeiro construirase unha nova captación e bombeo desde o encoro da Castellana

Disporanse 3.600 metros de nova tubaxe de impulsión, entre o edificio de bombeo e a estación de tratamento de auga potable existente no polígono industrial

A Coruña, 19 de outubro de 2021

A Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez avanzoulle hoxe ao alcalde de Curtis, Javier Caínzos, que os Orzamentos da Xunta de 2022, aprobados onte polo Consello da Xunta, reservan unha partida de 2,7 millóns de euros para a mellora do abastecemento de Teixeiro e do polígono industrial de Curtis.

Vázquez Mourelle informou desta partida de Augas de Galicia, recollida no proxecto de Lei de Orzamentos para o vindeiro ano, nunha reunión mantida hoxe con rexedor municipal na delegación territorial da Xunta na Coruña, onde abordaron as actuacións previstas no marco do convenio de colaboración asinado entre ambas as dúas administracións.

Trátase de executar as obras necesarias para que a totalidade do municipio dispoña de auga en cantidade e calidade necesarias e de cubrir tamén as necesidades de subministro do centro penitenciario de Teixeiro e das empresas asentadas no polígono industrial.

A Xunta apoiará o Concello de Curtis no desenvolvemento das súas competencias municipais cofinanciando a actuación nun 81,4%. Augas de Galicia encárgase, tamén, da contratación da execución, dirección e xestión das obras ata completar a súa finalización e formalizar os correspondentes actos de recepción.

Pola súa banda, o Concello contribuirá ao financiamento do 18,5% das actuacións, e asume, ademais, a realización das xestións pertinentes para posibilitar a súa execución, así como a recepción mantemento e conservación das obras que se leven a cabo.

As actuacións que se van desenvolver

Para garantir o abastecemento de auga potable á poboación e aos axentes industriais de Curtis levarase a cabo a execución dunha nova captación e bombeo desde o encoro da Castellana, que permitirá captar 80/litros por segundo.

A intervención inclúe unha nova tubaxe de impulsión, de 3.600 metros de lonxitude, entre o edificio de bombeo e a estación de tratamento de auga potable existente no polígono industrial de Curtis.

Ademais, procederase á ampliación da potabilizadora, o que permitirá incrementar a súa capacidade ata os 80 l/s e mellorar substancialmente, tanto o filtrado da auga como o seu tratamento.

Coa mellora proxectada servirase unha poboación de preto de 5.200 habitantes no ano horizonte 2042, ademais da demanda do polígono industrial e do centro penitenciario da localidade.

O departamento que dirixe Ethel Vázquez mantén o seu apoio técnico e financeiro aos municipios para que estes poidan prestar de xeito eficaz os servizos de saneamento e abastecemento, que son de competencia local.

Imaxes relacionadas