A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, co delegado da Xunta, Gonzalo Trenor, mantivo un encontro co presidente da Autoridade Portuaria da Coruña, Martín Fernández Prado

Ethel Vázquez avanza que a Xunta plasma nos orzamentos de 2022 o seu compromiso de investir 20M€ na recuperación da fachada marítima da Coruña

Subliña a necesidade de que o Concello se dote tamén de respaldo orzamentario e financeiro para poñer en marcha canto antes a recuperación da fachada marítima

Vázquez Mourelle detalla que a Xunta eleva o seu compromiso coa fachada ao máximo rango normativo, á lei de Orzamentos da Comunidade Autónoma, cun investimento o vindeiro ano de 1,7 M€ na recuperación dos peiraos interiores, dentro dunha planificación total de 20M€

Santiago de Compostela, 19 de outubro de 2021

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, avanzou que a Xunta plasma no Proxecto de Lei de orzamentos para o ano 2022 o seu compromiso de investir 20 millóns de euros na recuperación da fachada marítima da Coruña. Subliñou, ademais, a necesidade de que o Concello da cidade se dote do mesmo respaldo orzamentario e financeiro para poñer en marcha canto antes a recuperación da fachada marítima.

Vázquez Mourelle, xunto co delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, mantivo hoxe un encontro de traballo co presidente da Autoridade Portuaria da Coruña, Martín Fernández Prado, coa fin de analizar a situación da institución.

Nese encontro, a conselleira informou de que as contas da Administración autonómica para o vindeiro ano reflicten a vontade manifestada pola Xunta de contribuír á recuperación da fachada marítima e ao futuro do Porto da Coruña, elevando o compromiso ao máximo rango normativo, á Lei de Orzamentos da Comunidade Autónoma. Así, detallou que os Orzamentos recollen un investimento o vindeiro ano de 1,7 M€ na recuperación da fachada marítima dentro dunha planificación total de 20 M€.

Este investimento destinarase, en primeiro lugar á adquisición e á urbanización dos terreos dos peiraos de Batería e de Calvo Sotelo nunha porcentaxe do 20%, e en segundo lugar, a un equipamento público de interese para os coruñeses.

Ethel Vázquez puxo en valor este paso decisivo da Xunta para contribuír a que despois de 17 anos de debate se poña en marcha a recuperación da fachada marítima da cidade. Para iso, indicou, cómpre contar co mesmo nivel de compromiso por parte do Concello da Coruña, que debe dotarse do respaldo orzamentario e financeiro preciso para poñer en marcha a recuperación da fachada marítima, comezando por Batería e Calvo Sotelo.

Conexión ferroviaria de Punta Langosteira

A conselleira tamén analizou hoxe co presidente da Autoridade Portuaria a situación do Porto co fin de coñecer de primeira man as novidades relativas á conexión ferroviaria de Punta Langosteira.

Lembrou que o presidente da Xunta conseguiu un compromiso do Goberno de España, do anterior ministro de Transportes, José Luis Ábalos, co impulso desta imprescindible conexión ferroviaria.

Tal e como informou Martín Fernández Prado, o Ministerio de Transportes remitiulle á Autoridade Portuaria unha proposta de convenio, que o Porto da Coruña ten o compromiso de tramitar coa maior das axilidades, porque esta institución é a máis interesada en materializar canto antes esas obras e está a tramitar as expropiacións.

Ethel Vázquez apuntou que cómpre ese mesmo espírito nos organismos dependentes do Goberno de España, especialmente o Ministerio de Transportes e Adif, porque hai que asinar o convenio, licitar as obras e adxudicalas.

Na xuntanza tamén se valorou que esta actuación estea recollida no Proxecto de lei de Presupostos Xerais do Estado para o ano 2022, se ben a conselleira puntualizou que se trata dunha actuación dun total de 157 M€ e que a partida de 3 M€ prevista en 2022 non permite confiar nun grande avance das obras o vindeiro ano.

Imaxes relacionadas