A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto co director xeral de Mobilidade, mantivo hoxe un encontro con representantes da Asociación Empresarial de Transporte de Mercadorías por Estrada de Galicia (APETAMCOR)

A Xunta incrementará o vindeiro ano un 25% as axudas para a formación de transportistas, elevando o investimento ata os 500.000 euros

O Goberno galego traslada a súa sensibilidade ante os problemas que afronta o sector de transporte de mercadorías por estrada, derivados fundamentalmente do incremento do prezo dos combustibles

Comprométese a traballar para facilitar as tramitacións administrativas e a buscar alternativas para impulsar áreas de descanso, tendo en conta que os criterios impostos polo Goberno de España impiden que se destinen a este fin os fondos Next Generation de Mobilidade

A Xunta, no marco do apoio que vén prestando ao sector, publicou en xullo as subvencións este ano á formación do colectivo, cun investimento de 400.000€

O Goberno galego leva mobilizado desde 2017 preto de 2 M€ en axudas á formación en ámbitos como a seguridade viaria ou a manipulación de mercadorías perigosas

 

Santiago de Compostela, 18 de outubro de 2021

A Xunta incrementará o vindeiro ano un 25% as axudas dirixidas á formación no eido do transporte por estrada, cun investimento de 500.000 euros.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto co director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, mantivo hoxe un encontro de traballo con representantes da Asociación Empresarial de Transporte de Mercadorías por Estrada de Galicia (APETAMCOR).

No encontro, a conselleira trasladou a sensibilidade do Goberno galego ante os problemas que afronta o sector de transporte de mercadorías por estrada, derivados fundamentalmente do progresivo incremento do prezo dos combustibles.

A titular de Infraestruturas e Mobilidade tamén comprometeu o traballo da Xunta para ofrecer maiores facilidades nas tramitacións administrativas, como demanda o sector, e para buscar alternativas para impulsar áreas de descanso para os transportistas, tendo en conta que os criterios impostos polo Goberno de España impiden que se destinen a este fin os fondos Next Generation de Mobilidade.

Vázquez Mourelle avanzoulles representantes de APETAMCOR que a Xunta vai reforzar nos Orzamentos de 2022 as partidas destinadas á formación do colectivo co obxectivo de facilitar o acceso de man de obra ao sector, que está a acusar carencia de profesionais nos últimos tempos.

Concretou que os vindeiros Orzamentos incrementan en 100.000 euros, con respecto ao presente exercicio, estas partidas para a formación dos profesionais do transporte por estrada.

O Goberno galego vén prestando apoio técnico e económico ao sector do transporte, co que vén mantendo unha liña de diálogo e colaboración continua, para garantir a súa competitividade.

Neste sentido, o Diario Oficial de Galicia publicaba en xullo a resolución coa listaxe das asociacións profesionais e empresariais ás que se concederon axudas para a formación no ámbito do transporte por estrada, que este ano acadan un investimento autonómico de 400.000 euros.

A Xunta, desde o ano 2017, leva mobilizado preto de 2 millóns de euros en subvencións enfocadas ao fomento da formación destes profesionais.
Estes incentivos teñen como obxectivo favorecer a mellora das capacidades dos profesionais en materias como a seguridade viaria, a manipulación de mercadorías perigosas ou a eficiencia na xestión empresarial.

Tamén se inclúe a subvención de cursos necesarios para o Certificado de Aptitude Profesional (CAP), requisito imprescindible para os condutores que queiran operar no mercado profesional desde a entrada en vigor do Real decreto 1032/2007, do 20 de xullo.

Cómpre lembrar que no ano 2020 se realizaron un total de 1.139 cursos ao abeiro destas axudas da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, dos que se beneficiaron un total de 11.351 alumnos.
 

Imaxes relacionadas