O 15º Outono Gastronómico impulsado por turismo de Galicia chega a 17 establecementos da provincia de Pontevedra

O delegado territorial da Xunta, Luis López, presenta esta iniciativa no hotel rural Torre do Río, en Caldas de Reis, e anima a galegos e visitantes a “gozar da rica gastronomía de tempada” ata o 19 de decembro

O representante autonómico destaca que este programa, que tamén conta con modalidades que inclúen pernocta, “aspira a seguir extendendo as boas cifras turísticas rexistradas dende o verán e manter a Galicia como destino de referencia”
 

Caldas de Reis, 18 de outubro de 2021

A Xunta de Galicia, a través da Axencia Turismo de Galicia, vén de poñer en marcha a 15ª edición do programa Outono Gastronómico, que conta coa participación de 17 establecementos da provincia de Pontevedra e 73 en toda a comunidade autónoma.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, presentou este mediodía esta iniciativa turística e gastronómica no hotel rural Torre do Río, en Caldas de Reis, e animou a galegos e visitantes a “gozar da rica gastronomía de tempada, con produtos como castañas e setas” ata o vindeiro 19 de decembro.

“Temos un programa consolidado e atractivo, que ademais inclúe modalidades de pernocta nalgunhas das casas rurais participantes, e con el aspiramos a seguir extendendo as moi boas cifras de ocupación turísticas rexistradas dende o verán para manter a Galicia como destino de moda e como referencia en España e Europa”.

Na provincia de Pontevedra, as casas rurais participantes son Casa San Ginés, Casa Don Din (Vila de Cruces), A Casa da Botica, Torres de Moreda (A Estrada), Casa Grande de Fuentemayor (Silleda), Torre do Río, Casal dos Celenis (Caldas de Reis), Casal do Umia, A Pastora (Cambados), Casal de Folgueiras (Meis), Aldea Bordóns (Sanxenxo), A Casa de Larache (Vilaboa), Rectoral de Fofe, Lugar dos Devas (Covelo), A Cantaruxa Maruxa, Vinosobroso (Mondariz) e Pazo da Escola (Gondomar).

O programa ofrece diferentes propostas que inclúen a posibilidade de pernoctar e degustar de menús concebidos en exclusiva para esta ocasión, Así, pódese compartir unha cea co Menú Outono Gastronómico ou pasar unha fin de semana no establecemento elixido a través de dúas modalidades.

Tamén se oferta o Outono Plus, co que algunhas das casas participantes porán a disposición dos clientes outras actividades complementarias á restauración, como paseos a cabalo, rafting, sendeirismo ou visitas culturais. Toda a información sobre a campaña poder consultarse na web oficial de Turismo de Galicia.

Como novidade, todos os negocios participantes inclúen nos seus
menús produtos galegos con certificación de calidade avalados pola Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal), dependente da Consellería do Medio Rural. Este organismo vai organizar, durante a campaña, degustacións e actividades relacionadas co coñecemento dos provedores, que serán gratuítas e exclusivas para os clientes do Outono Gastronómico aloxados nas casas participantes.

Outra das novidades desta edición é o programa de fidelización denominado OuBono Gastronómico, un carné co que os clientes que contraten o paquete Fin de Semana recibirán outra gratuíta dentro dun cupo de 25 bonos que se entregarán por rigorosa orde de recepción en Turismo de Galicia.

Imaxes relacionadas