A Xunta pon en valor en Ames o papel das mulleres rurais de Galicia para xerar riqueza e dotar ao territorio de novas oportunidades laborais

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, participou hoxe, no Día Internacional das Mulleres Rurais, na clausura do I Foro Mulleres de Seu celebrado na localidade coruñesa

Destacou a necesidade de seguir visibilizando o labor deste colectivo do que sinalou que cimenta o desenvolvemento sostible do territorio galego

A Administración autonómica colabora ano tras ano coas federacións de asociacións de mulleres rurais cun investimento que desde 2009 suma 900.000 euros

O Programa Emega, con 3,2 millóns este ano, fomenta iniciativas empresariais constituídas e lideradas por mulleres e Aprol Economía Social, con 3,3 millóns en 2021, aposta pola creación de emprego en cooperativas e sociedades laborais
 

Ames (A Coruña), 15 de outubro de 2021

A Xunta destacou hoxe, no Día Internacional da Muller Rural, o importante traballo que desempeña este colectivo en Galicia que, en palabras da conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, é preciso seguir apoiando e visibilizando o seu papel ao ser esencial “para xerar riqueza ao territorio e diversificar a súa economía”. No acto de clausura do I Foro Mulleres de Seu, celebrado en Ames, Lorenzana apuntou que as mulleres rurais son “imprescindibles” para afianzar a poboación e evitar o seu envellecemento, e para renovar e dotar ao rural de novas oportunidaes e dun maior dinamismo. Para Lorenzana, as mulleres rurais “son e seguen sendo as raíces que terman e cimentan o desenvolvemento sostible de noso territorio”. “Son o ailcerce do noso sustento”, engadiu.
O Día Interncional das Mulleres Rurais conmemórase este ano baixo o lema As mulleres rurais cultivan alimentos de calidade para todas as persoas co obxectivo de destacar o papel fundamental que desempeñan nos sitemas alimenticios de todo o mundo. Neste senso, Lorenzana salientou que o número de mulleres titulares de explotacións na comunidade galega supera o 50%, o que, na súa opinión, demostra os avances conseguidos no camiño da igualdade de oportunidades e “o que aínda queda por facer para outorgar ás mulleres rurais o recoñecemento que verdadeiramente merecen”. Ao respecto, a titular de Emprego e igualdade sinalou a necesidade de seguir impulsando máis opcións profesionais no rural galego e de mellorar as súas condicións laborais con apoios á conciliación e incentivando a corresponsabilidade en tarefas domésticas e no coidado de menores ou maiores do seo familiar.
Para Lorenzana é fundamental tamén apostar pola formación e por desenvolver actuacións que promovan o ascenso da muller a postos de toma de decisións na estrutura organizativa da cooperativa ou a empresa.
Co fin de alcanzar estas metas, a Xunta traballa en programas que favorecen á muller rural como son os proxectos financiados a través da Consellería de Medio Rural por valor de 250.000 euros para realizar accións de formación, prevención e sensibilización fronte á violencia de xénero no rural; o programa Emega, con 3,2 millóns de euros este ano, para fomentar iniciativas empresariais constituídas e lideradas por mulleres; ou Aprol Economía Social que, con 3,3 millóns en 2021, fomenta o emprego en cooperativas e sociedades laborais con axudas de entre 6.000 e 16.500 euros no caso de tratarse de mulleres.
Lorenzana tamén destacou a colaboración que ano tras ano desenvolve a Xunta coas federacións de asociacións de mulleres rurais ás que destinou desde 2009 máis de 900.000 euros. A Xunta, ademais, conta con incentivos ao autoemprego, con axudas de 2.000 a 9.000 euros para mulleres, e desenvolve o programa Galcia Emprega Muller, no que investiu este ano 5 millóns de euros para mellorar a formación e apoiar a contratación de mulleres como colectivo prioritario de accións estratéxicas para a inserción laboral.
Para rematar, a conselleira destacou o papel dos colectivos que traballan a favor da muller rural en Galicia, como é o caso de Mulleres de Seu, referente en Galicia e fora da comunidade autónoma, e lembrou que “a Xunta está e estará axudando á muller rural do hoxe e do mañá, sempre da man de accións con perspectiva feminina”.
 

Imaxes relacionadas