A Xunta e o grupo de arqueoloxía da Universidade de Vigo colaboran en Ons na busca de vestixios das relacións comerciais na época romana

A Consellería de Medio Ambiente e a institución académica impulsan unha segunda intervención arqueolóxica que dá continuidade aos traballos realizados en abril

Santiago de Compostela, 15 de outubro de 2021

A Xunta de Galicia está a colaborar, desde o pasado 4 de outubro, co grupo de estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT) da Universidade de Vigo nos traballos da segunda intervención arqueolóxica na illa de Ons.

O obxectivo é avanzar no coñecemento das relacións comerciais en época romana desta illa escavando nunha das súas factorías de salga situadas na praia de Canexol e no castro ou castelo dos Mouros, localizado a poucos metros do primeiro.

Esta iniciativa realízase ao abeiro dun convenio de colaboración asinado co Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, xestionado pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

A intervención, que se estenderá durante tres semanas, continúa as tarefas de limpeza, rexistro e sondaxes levadas a cabo polo GEAAT do 5 ao 9 abril deste ano no mesmo enclave, traballos realizados entón no marco do proxecto de investigación Galtfish e co apoio tamén do Parque Nacional.

Sobre a importancia desta segunda intervención, os seus responsables sinalan que “pode ser moi interesante pola información que pode achegarnos sobre as relacións comerciais que estaban funcionando no Atlántico desde a Idade de Ferro e tamén en época romana”. Neste senso, destacan o carácter singular do xacemento, por estar situado nunha pequena illa.

Dúas zonas de traballo

Os traballos, que levan a cabo un equipo está formado por cinco persoas -sendo Alba Rodríguez a directora de campo e Adolfo Fernández o director do proxecto-, céntranse en dúas zonas principais.

A primeira delas é no xacemento romando da praia de Canexol. Nesta campaña, os arqueólogos e arqueólogas teñen previsto finalizar a escavación do pío de salga romana da praia de Canexol localizado na intervención de abril, que non se puido rematar entón por falta de tempo.

Esta estrutura, indican desde o GEAAT, está nun excelente estado de conservación, con case dous metros de alzado de muro conservado. “Nesta sondaxe pretendemos esgotar os niveis arqueolóxicos, ata chegar ao fondo do pío. Recolleranse mostras tanto de morteiro como dos posibles niveis de abandono do pío, para recoller, de ser posible, restos de ictiofauna que nos permitan determinar que especies se salgaban nesta factoría”, sinalan. Os restos recollidos serán analizados tanto por persoal da Universidade de Vigo como doutras universidades que colaboran neste proxecto.

A segunda zona de traballo é o castro ou castelo dos Mouros, no que na intervención de abril se fixo unha sondaxe na que se localizaron estruturas “que pensabamos que poderían estar relacionadas coa parte máis baixa do castro e que nos levaron agora a abrir unhas catas nel”.

Esta será a primeira actuación científica neste xacemento e desde o GEAAT indican que “pivotará sobre catro eixos: limpeza da vexetación superficial con control arqueolóxico, prospección con métodos xeofísicos e xeomagnéticos para determinar as zonas con maior potencialidade arqueolóxica, escavación e conservación ao remate”. O obxectivo, sinalan, é determinar a potencia arqueolóxica do xacemento, coñecer a súa configuración interna e datar a súa ocupación, apuntando que “xa sabemos que é unha ocupación de época romana polos píos de salga”.

Ademais, subliñan os arqueólogos e arqueólogas da UVigo, “tamén nos gustaría recuperar algo de material que nos indique o tipo de relacións comerciais que tiñan: que, cando, como e porque existía; se tivo ocupación anterior, cal era súa propia cultura material, como vivían nel, etc.”.

Tras a realización da prospección e en colaboración coa empresa SOT, seleccionáronse dúas zonas de escavación no interior do castro ou castelo dos Mouros: unha na posible muralla e outra na plataforma inferior co obxectivo de exhumar algunha vivenda ou estrutura. “Recolleranse tanto mostras como cultura material que permitan dilucidar a configuración e datación do xacemento”, comentan desde o GEAAT. A primeira semana de traballo de campo, indican os seus responsables, xa achegou ou primeiros resultados, atopando os dous primeiros muros e restos de cultura material, entre os que destacan unhas moedas de época romana.

As persoas interesadas poden seguir diariamente as novidades do proxecto na conta de Instagram @arqueogeaat.
 

Imaxes relacionadas