O conselleiro de Sanidade destaca as iniciativas postas en marcha polo Sergas no campo da cardioloxía

Na inauguración da VIII Reunión “Estado del arte en insuficiencia cardiaca avanzada”

A Coruña, 14 de outubro de 2021

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, destacou hoxe, na cidade herculina, no acto de inauguración da VIII Reunión “Estado del arte en insuficiencia cardíaca avanzada: práctica clínica e modelos organizativos” as iniciativas postas en marcha polo Servizo Galego de Saúde no campo da Cardioloxía, e que hoxe son referencia para outros servizos desta especialidade. Tamén asistiu o xerente da área sanitaria da Coruña e Cee, Luis Verde Remeseiro.

Ao respecto das iniciativas, sinalou a plataforma tecnolóxica de seguimento de pacientes TELEA, que foi elixida pola Comisión Europea como boa práctica, que fai seguimento a máis de 1.000 pacientes con doenzas cardíacas; e o Programa de atención ao infarto, Progaliam, recoñecido como un dos mellores de España e Europa. Tamén destacou a posta en marcha do Rexistro galego de infarto agudo de miocardio, Regaliam, co que se pode determinar as características epidemiolóxicas, clínicas e terapéuticas da poboación afectada e avaliar a eficacia, efectividade e eficiencia da rede asistencial en relación con esta doenza.

O responsable da sanidade pública galega destacou como unha das fortalezas do sistema sanitario galego o seu modelo interdisciplinar de atención á insuficiencia cardíaca, que posibilita o teleseguimento. Ao respecto, Galicia ten implantada a interconsulta electrónica na área de Cardioloxía, que posibilita a conexión directa, rápida e eficaz entre profesionais de primaria e hospitalaria, o que favorece o diagnóstico, seguimento e derivación de pacientes só cando sexa necesario. No pasado ano, realizáronse case 21.000 consultas deste tipo. Xunto ao teleseguimento, destacou a abordaxe multidisciplinar entre cardioloxía, medicina interna e atención primaria, establecendo os protocolos de coordinación cos que dar a mellor atención.

Na súa intervención, García Comesaña remarcou o traballo dos profesionais dos servizos de Cardioloxía dos centros do Sergas, que ano tras ano obteñen recoñecementos pola súa excelencia e manteñen á nosa comunidade autónoma na vangarda da hemodinámica e da cardioloxía intervencionista.

Imaxes relacionadas