A execución das obras de mellora da estrada OU-154 ao seu paso polo Reino, no concello de Piñor, fará necesario un corte de tráfico desde hoxe
Para continuar avanzando nesta actuación será preciso restrinxir a circulación neste tramo desde este mércores e ata o vindeiro 25 de outubro
O proxecto supón un investimento autonómico de 160.000 euros e busca reforzar a seguridade no treito entre os puntos quilométricos 1+741 e 2+025
A intervención, cuxo remate se prevé en novembro, inclúe a remodelación dos espazos para protexer a circulación de peóns, a rehabilitación do firme, a mellora da iluminación ou o soterramento das redes de servizo aéreas
A execución das obras de mellora da estrada OU-154 ao seu paso polo Reino, no concello de Piñor, fará necesario un corte de tráfico desde hoxe neste treito.
Para continuar avanzando nesta actuación será preciso restrinxir a circulación neste tramo desde hoxe ata o vindeiro 25 de outubro, previsiblemente. Así, durante este período de tempo disporase un pavimento de formigón armado.
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade está a executar o acondicionamento desta vía autonómica co obxectivo de reforzar a seguridade viaria no treito comprendido entre os puntos quilométricos 1+741 e 2+025.
A Xunta está a investir preto de 160.000 euros nesta intervención cuxo remate se prevé no mes de novembro, unha vez retomados en verán os traballos, tras o soterramento dos servizos executado polas compañías responsables.
O proxecto prevé a remodelación dos espazos para protexer a circulación de peóns ou a redución de velocidade de circulación con nova sinalización e redutores físicos.
Os traballos tamén inclúen a rehabilitación de firmes e pavimentos, a mellora da iluminación e o soterramento das redes de servizo aéreas.
O Goberno galego continúa traballando na mellora da rede viaria autonómica co fin de incrementar a seguridade e reforzar as prestacións aos usuarios.