A Xunta recibiu preto de 7.000 solicitudes de información ambiental no último ano, a maioría delas relativas a residuos e calidade do aire

O medio de consulta máis empregado polos cidadáns é o teléfono, seguido do portal Gaia da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e do correo electrónico

O Goberno galego responde dentro do prazo establecido no 98% dos casos
 

Santiago de Compostela, 12 de outubro de 2021.- A Xunta de Galicia recibiu no último ano preto de 7.000 solicitudes de información ambiental por parte de empresas, particulares, entidades e outras administracións públicas.

Esta é a conclusión principal do último informe da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático sobre as consultas recibidas en virtude da Lei pola que se regulan os dereitos de acceso á información, de participación pública e de acceso á xustiza en materia de medio ambiente.

En concreto, case 900 destas peticións tramitáronse a través da unidade de Información Ambiental, mentres que as 6.030 restantes chegaron, en función da súa temática, aos correspondentes departamentos da Dirección Xeral.

En canto ao motivo das consultas, a área de calidade ambiental concentra a meirande parte delas, seguida da información de carácter meteorolóxico e da relativa á conservación da natureza. Así mesmo, por temáticas concretas, algo menos da metade das solicitudes de información—3.241— estaban vencelladas aos residuos e outro 40% —2.777— a cuestións relacionadas coa contaminación atmosférica.

Tamén destacan as consultas en materia meteorolóxica —petición de datos e informes e información procedente de modelos numéricos—, de solos contaminados ou as que teñen que ver co ruído, a única área na que as peticións proceden maioritariamente de administracións e de particulares. De feito, no que respecta ao perfil dos solicitantes, a maioría das consultas ambientais tramitadas teñen a súa orixe no sector empresarial.

Segundo se recolle no balance, o medio preferido para pedirlle á Xunta información de carácter ambiental é o teléfono, seguido do correo electrónico, aínda que tamén se detecta un uso cada vez maior da plataforma Gaia, un portal dixital da Consellería para facer trámites e facilitar o acceso á información relacionada con esta materia.

En canto aos tempos de resposta, no caso da unidade de Información Ambiental o 92% das solicitudes foron contestadas dentro do prazo legal dun mes, unha porcentaxe que se eleva ata o 98,6% no caso do resto de departamentos da DXCASCC.

Imaxes relacionadas