A Xunta levará nos próximos días a súa campaña informativa sobre a nova tarifa eléctrica a distintos concellos da provincia da Coruña
Abegondo acollerá este mércores esta xornada de apoio e asesoramento á cidadanía, que chegará o xoves a Boiro e o próximo 21 de outubro a Boqueixón
O Instituto Galego do Consumo e da Competencia (IGCC) estableceu convenios de colaboración con asociacións de consumidores e usuarios para habilitar puntos de información gratuíta nas súas instalacións, feito que tamén coordinou coas 90 oficinas municipais de información ao consumidor (Omics)
A Xunta de Galicia, a través do Instituto Galego do Consumo e da Competencia (IGCC), continúa este mes de outubro coa súa campaña informativa, de apoio e asesoramento á cidadanía galega sobre a nova tarifa eléctrica implantada polo Goberno.
Así, o próximo mércores 13 a iniciativa chegará a Abegondo, desprazándose ao día seguinte –xoves 14– ao concello de Boiro. O 21 de outubro tamén está previsto que se leve a cabo un taller aberto á cidadanía en Boqueixón.
Ademais de achegar ás persoas consumidoras esta información de xeito presencial e online –a través da aula virtual–, o IGCC, dependente da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, elaborou folletos informativos con consellos e orientacións para aforrar na factura da luz, tendo en conta os tres períodos horarios que contempla a nova tarifa –val, chairo e punta– e creou contidos dixitais na súa web.
O Goberno galego estableceu tamén convenios de colaboración con asociacións de consumidores e usuarios como Brétema, Euroconsumo, Ucgal, Fuciga e Adicae para que estas habilitasen puntos de información gratuíta nas súas instalacións, feito que tamén coordinou coas 90 oficinas municipais de información ao consumidor (Omics) existentes en Galicia. A este respecto, a Xunta abriu en xullo de 2021 unha liña de axudas dirixida ás asociacións e federacións de consumidores que realicen actuacións divulgativas, de asesoramento e información na nova factura da luz.
Dado que a subministración de electricidade é unha necesidade básica das persoas, a Xunta tamén presta especial atención aos colectivos máis vulnerables ou en risco de exclusión social. Así, o Instituto Galego do Consumo e da Competencia levou a cabo actuacións informativas en colaboración coa Federación Galega de Asociacións Universitarias Seniors (Fegaus) –para axudar a persoas de idade avanzada– e con Cáritas –a través da formación do seu persoal na materia–.
Cómpre lembrar que a Xunta de Galicia ampliou este ano ata os 2,1M€ as axudas do bono social eléctrico galego para garantir o servizo nos fogares con máis dificultades. No que vai de ano, os apoios xa concedidos están permitindo axudar a máis de 4500 familias.
O IGCC, ademais das súas oficinas repartidas polas sete grandes cidades de Galicia ás cales se pode asistir mediante o sistema de cita previa, conta cun servizo telefónico gratuíto a través do número 900 23 11 23, que funciona de 9 a 14 horas de luns a venres. Os consumidores tamén poden enviar as súas dúbidas por correo electrónico ou a través dun formulario que atoparán na web do organismo.