A Xunta promociona os produtos do mar na feira alemá Anuga coa campaña 'GALICIA SABE AMAR'

O posto co que a Consellería do Mar está presente neste evento alberga a nove empresas da cadea mar-industria

Santiago de Compostela, 11 de outubro de 2021

A Consellería do Mar está presente cun posto de máis de 140 m2 na feira alemá Anuga que se celebra na cidade de Colonia ata este mércores, 13 de outubro. Alí o Goberno galego promociona os peixes e mariscos galegos a través da campaña GALICIA SABE AMAR, que incide na importancia de consumilos e na gran variedade de peixes e mariscos da máxima calidade que o complexo mar-industria de Galicia pon a disposición da cidadanía.

Ademais o posto da Consellería do Mar alberga a nove empresas coexpositoras que contan cun espazo propio no expositor que o Executivo galego ten neste evento. Estas empresas son Barlovento, Conservas Cerqueira, Cassua, Conservas del Noroeste, Alfonso García López, Orbe, Pescados Rubén, Conservas Friscos e Conservas Portomar.

A presenza da Xunta neste tipo de certames é unha mostra da aposta do Executivo autonómico para impulsar o consumo e a comercialización dos produtos pesqueiros co fin de chegar a novos mercados. Con ese obxectivo, a Consellería do Mar pon a disposición un servizo de axenda de negocios na feira para facilitar a ampliación dos contactos das empresas coexpositoras e tamén daquelas que se inscriban neste servizo.

A feira Anuga é de carácter bienal e está dirixida a un público exclusivamente profesional e nela danse cita cadeas de supermercados e distribuidores do sector, tanto de venda ao por maior como minoristas. Por primeira vez a feira conta ademais cun formato dixital que ofrece a posibilidade de establecer unha rede de contactos.

Imaxes relacionadas