A Xunta impulsa Sanxenxo como territorio de preferente actuación turística e destaca os históricos datos de ocupación en toda Galicia

A Administración autonómica asinou un convenio co Concello por valor de 150.000 euros para a promoción turística do único municipio galego que acadou a distinción

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, destacou os bos datos da ponte do Pilar en toda Galicia e, particularmente, en Sanxenxo, que mellorou estes días os rexistros turísticos do 2019 polas mesmas datas, logo de pechar un mes de agosto no que rozou o 90% de ocupación

Galicia foi a única comunidade autónoma que pechou agosto con datos de ocupación hoteleira superiores aos do 2019, antes da pandemia

Sanxenxo (Pontevedra), 11 de outubro de 2021

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, asinou hoxe un convenio co alcalde do Concello de Sanxenxo, Telmo Martín, polo que a Xunta destina 150.000 euros á promoción de Sanxenxo como territorio de preferente actuación turística.
Logo de ser o primeiro concello galego recoñecido pola Xunta como territorio de preferente actuación turística, Sanxenxo elaborou un plan de actuación integral cunha serie de obxectivos cos que colaborará a Xunta para potenciar un dos concellos con mellores datos turísticos non só de Galicia, senón tamén de toda España.
Entre outros obxectivos, está prevista a creación de rutas da natureza como alternativa complementaria á oferta de praia e de turismo náutico que xa ofrece Sanxenxo. Tamén se impulsará a Ruta do Padre Sarmiento e os sendeiros a pé. Outras iniciativas pasan pola creación dunha rede de itinerarios a nado en augas abertas, pola posta en valor do patrimonio arqueolóxico ou pola promoción de Sanxenxo como destino de descanso, saúde e benestar.
“A Xunta estará sempre de lado dun sector que traballa pola recuperación turística”, subliñou Alfonso Rueda. Con ese obxectivo, o acordo inclúe unha partida de 30.000 euros destinada ao Consorcio de Empresarios Turísticos de Sanxenxo (CETS) para a posta en marcha de accións de promoción do municipio como destino turístico.
Nun verán no que Galicia foi quen de colocarse á cabeza da recuperación turística en España, con datos de ocupación superiores aos de 2019, Sanxenxo rozou o 90% de ocupación e non só liderou as cifras na provincia de Pontevedra senón tamén en todo o norte peninsular, con 437.000 pernoitas e 100.000 viaxeiros nos meses de xullo e agosto.
Alfonso Rueda subliñou que eses bos datos estanse a repetir agora na ponte do Pilar, que está a mellorar os rexistros do 2019 polas mesmas datas e mesmo a recuperar o turismo internacional. Con ese balance, o vicepresidente primeiro asegurou que “apostar por Sanxenxo é apostar seguro” e reiterou que Galicia “está de moda”.

Imaxes relacionadas