A Xunta inviste 7,3 M€ en 174 cursos para que 2.610 desempregados da provincia de Lugo melloren as súas oportunidades laborais

O delegado territorial, Javier Arias, anunciou que o Goberno galego aprobou axudas a empresas, concellos e entidades para programar accións formativas durante o período 2021-22

Ofértanse cursos en todas as áreas da provincia e en sectores con demanda por parte das empresas

Lugo, 11 de outubro de 2021

A Consellería de Emprego e Igualdade destinará 7,3 millóns de euros a financiar 174 cursos na provincia de Lugo para mellorar as oportunidades laborais de 2.610 persoas desempregadas.

Así o anunciou o delegado territorial da Xunta, Javier Arias, quen explicou que veñen de ser aprobadas as axudas da convocatoria do Plan galego de formación para o período 2021-2022. O Goberno galego deseñou unha oferta acorde coas demandas do tecido empresarial de Galicia e adaptada ao novo contexto xerado pola covid-19.

Na provincia de Lugo, os encargados de impartir estas accións formativas serán cinco concellos (O Páramo, Cervo, Xove, O Valadouro e Burela); 21 empresas e academias; así como as entidades Fundación Laboral da Construción, Cruz Vermella, Aprevar, Asociación de empresarios calefactores e fontaneiros da provincia de Lugo (Alufonca), Fundación Belarmino Fernández Iglesias e a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras demencias.

Todas as zonas da provincia acollerán cursos no marco deste programa. Así, na área de Lugo prográmanse 85; na Mariña 38; na Terra Chá 30; en Terra de Lemos 13; na comarca de Sarria cinco; nos Ancares dous e en Meira un.

Especialidades

Entre as especialidades incluídas destacan as competencias clave e competencias dixitais, así como formación relacionada coa atención sociosanitaria e cos sectores da construción, automoción, forestal, industria cárnica, comercio e márketing, montaxe de instalacións solares e redes eléctricas, socorrismo, hostalería, actividades auxiliares de agricultura, sistemas industriais ou deseño na industria naval, entre outras.

Os cursos poderán impartirse na modalidade presencial, de teleformación ou mixta. Van dirixidos prioritariamente a persoas desempregadas, aínda que se admitirá a participación de ata un 30% de persoas traballadores ocupadas, sempre e cando non se cubran as prazas ofertadas para desempregados. Unha vez finalizados, darán acceso a un certificado de profesionalidade con validez en todo o Estado.

Os alumnos e alumnas poden acceder a estes cursos a través das oficinas de emprego de Galicia ou da páxina web emprego.xunta.gal. Deste xeito, os interesados teñen a posibilidade de elixir o curso, independentemente do lugar de residencia. As entidades adxudicatarias dos cursos poderán seleccionar directamente ao alumnado, e priorizarán na participación nos correspondentes procesos selectivos ás persoas desempregadas que exerzan o seu dereito de elección de centro a través do portal de emprego da Consellería de Emprego e Igualdade ou na rede de oficinas do Servizo Público de Emprego de Galicia.

Imaxes relacionadas