A Xunta licita as obras de mellora da contorna e dos accesos da oficina de turismo de Nogueira de Ramuín

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda destina case 100.000 euros para a execución destes traballos

Ademais de habilitar unha zona de aparcamento, definirase unha zona de lecer
 

Santiago de Compostela, 10 de outubro de 2021

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda acaba de licitar por 100.000 euros as obras de mellora da contorna e dos accesos ao inmoble que alberga a oficina municipal de promoción turística de Nogueira de Ramuín.

A licitación deste contrato, que prevé un prazo de execución de 4 meses, foi publicada na plataforma de contratos públicos de Galicia.

Os traballos consistirán no derrubamento dun edificio para construír un espazo con terraza, facilitando unha zona de aparcadoiro para automóbiles e outra de lecer, así como a mellora da rampla de acceso á oficina de turismo, situada nunha parcela de uso dotacional en Luíntra.

Para a execución dos traballos será necesario mellorar o firme con terras de préstamo, axustar a evacuación das augas, estender pavimento bituminoso na zona reservada para o tráfico rodado e formigón para a zona peonil.

Grazas ao apoio da Xunta, os concellos teñen capacidade para mellorar equipamentos urbanos e servizos, que tamén son un instrumento eficaz para axudar a frear o despoboamento do rural.

Esta actuación é acorde aos obxectivos do plan Hurbe, un programa posto en marcha no ano 2010 polo Goberno galego co fin de apoiar ás entidades locais na execución de todo tipo de proxectos e actuacións que contribúan a crear, mellorar ou humanizar espazos de uso público. Grazas a este programa, executáronse case 320 actuacións, o que significou mobilizar case 150 millóns de euros.