Fernández-Tapias cifra en preto de 114.000 euros as axudas destinadas ás axencias de viaxes na área territorial

Tras sinalar que o Goberno galego acompañou a este sector desde o primeiro momento da crise sanitaria, a delegada territorial da Xunta en Vigo recordou que está aberta unha segunda liña de achegas que poderá solicitarse ata o 11 de outubro

A orde insírese no marco dun novo paquete de novas medidas de apoio ao sector turístico galego cun investimento total de 15,8 millóns de euros

A representante autonómica destacou que Galicia foi pioneira, á vangarda de España, na activación de axudas directas aos sectores máis afectados pola pandemia

Vigo, 6 de outubro de 2021

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, visitou hoxe Viajes Abramar, unha das axencias beneficiadas na cidade coa primeira orde de axudas destinadas a este sector e que supuxo un reparto por parte da Administración autonómica de preto de 114.000 euros na área territorial, destinados a dar cobertura aos gastos de mantemento e alugueiro.

Tras sinalar que o Goberno galego acompañou a este sector desde o primeiro momento da crise sanitaria, recordou que a Xunta vén de por de novo a disposición deste colectivo unha segunda edición desta liña de axudas que poderá solicitarse ata o vindeiro 11 de outubro.

Neste contexto, a delegada identificou ás axencias de viaxes como un colectivo fundamental no conxunto das empresas de servizos turísticos, polo seu labor profesional e traballo de visualización da oferta turística. “Uns instrumentos imprescindibles para a comercialización de Galicia como destino turístico”, dixo.

Segundo informou, esta orde insírese no marco dun novo paquete de novas medidas de apoio ao sector turístico galego cun investimento total de 15,8 millóns de euros dos que se poden beneficiar axencias de viaxes, establecementos hostaleiros e os concellos de menos de 10.000 habitantes.

Esta última liña de achegas públicas únese a outras postas xa en marcha ao longo deste ano 2021 destinadas ao impulso da hostalería e a industria turística galega que suman un total de case 120 millóns de euros, entre os 31,2 millóns de euros das distintas convocatorias destinadas a apoiar a colectivos do sector turístico, concellos ou asociacións, xunto cos case 90 millóns de euros abonados aos hostaleiros galegos a través dos dous primeiros Plans de Rescate da Xunta.

En canto a especificacións da orde, Fernández-Tapias explicou que poderán ser obxecto das axudas, os gastos derivados do alugueiro dos locais, asi como os gastos derivados dos préstamos hipotecarios sobre os locais nos que se desenvolve a actividade da empresa. O importe da subvención será do 90 % para un gasto subvencionable de ata 10.000 euros. Cando o gasto subvencionable supere esta cantidade, o importe da subvención será do 80 %.

Poderán ser beneficiarios das subvencións, as axencias de viaxes, entendendo por tales as empresas turísticas descritas no artigo 83 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia, que teñan o seu domicilio social e fiscal na Comunidade Autónoma de Galicia, e deberán estar inscritas no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Xunta de Galicia.

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal ata o vindeiro 11 de outubro.

Imaxes relacionadas