A Xunta financiará con 350.000€ a segunda edición do obradoiro de Caldas Os Camiños do Camiño para formar e mellorar o acceso ao emprego dos seus participantes

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, clausurou hoxe a primeira convocatoria deste programa no que 15 persoas sen emprego incrementaron as súas oportunidades laborais ao formarse na especialidade de actividades forestais e xardinería

Lorenzana destaca que a Xunta vén de incrementar nun 33% a dotación orzamentaria do novo obradoiro no que participarán 20 alumnos e alumnas e que incluirá unha segunda materia formativa, a de albanelería e cantería

Sinala que os obradoiros de emprego son “unha fórmula eficaz” para dinamizar o territorio creando oportunidades laborais próximas para os seus participantes

A provincia de Pontevedra porá en marcha coa nova convocatoria de obradoiros duais un total de 20 programas que permitirán a cualificación de 392 persoas desempregadas a través dun investimento da Xunta de preto de 7M€

Aos obradoiros duais súmanse os destinados á mocidade aos que a Administración autonómica destina este ano na provincia 3 millóns de euros para formar a 128 alumnos e alumnas

Caldas (Pontevedra), 5 de outubro de 2021

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, salientou hoxe que Caldas contará cunha nova edición -a segunda- do obradoiro de emprego Camiños do Camiño, no que se poderán formar e acceder a un posto de traballo ao longo de nove meses un total de 20 alumnos e alumnas. Para iso, a Xunta vén de incrementar, con respecto ao ano pasado, a dotación orzamentaria desta iniciativa nun 33%, chegando ata os 346.946 euros. A segunda convocatoria incluirá ademais unha nova especialidade formativa, a de albanelería e cantería, que se suma á de actividades forestais e xardinería que se impartiu na primeira edición do obradoiro. Precisamente, Lorenzana clausurou hoxe este programa no que se cualificaron 15 alumnos e alumnas grazas ao financiamento autonómico de 260.000 euros. Ao acto tamén asistiu o alcalde de Caldas, Juan Manuel Rey.
Lorenzana puxo en valor estes programas mixtos de formación e emprego que, na súa opinión, son “unha fórmula eficaz” para dinamizar o territorio creando oportunidades laborais próximas para os seus participantes, polo que afirmou que os obradoiros contan “con todo o apoio da Xunta, constituíndo unha aposta segura na planificación estratéxica e nos orzamentos da Consellería de Emprego e Igualdade”.
No caso de Camiños do Camiño, destacou que supuxo unha actividade que capacitou e acreditou aos seus alumnos mediante a realización dun traballo produtivo de utilidade pública e interese social como é a protección da contorna natural e do territorio.

Provincia e Galicia

A Xunta destinará este ano case 7 millóns de euros para poñer en marcha na provincia de Pontevedra un total de 20 obradoiros duais de emprego nos que se formarán 392 persoas. A Consellería de Emprego e Igualdade, ademais, está a investir tres millóns de euros para o desenvolvemento de 8 obradoiros xuvenís na provincia de Pontevedra, que permitirán o acceso a un emprego e a cualificación de 128 persoas desempregadas.
Grazas ao investimento autonómico histórico de 41,2 millóns de euros, celebraranse en toda Galicia nos próximos meses 113 talleres de emprego (94 obradoiros duais e 19 programas para persoas mozas) destinados a 2.200 persoas.

Imaxes relacionadas