A secretaria xeral técnica respondeu a unha pregunta na Comisión 8ª de Pesca e Marisqueo

Galicia avalía o impacto do Brexit no seu sector marítimo-pesqueiro e busca argumentos e alianzas para paliar os seus efectos

A comunidade está a ultimar un informe de cara á determinación dos Totais Admisibles de Capturas (TAC) e cotas en augas compartidas co Reino Unido en 2022 e lembra que o modelo empregado para fixar as deste ano é un mal precedente pois só tivo en conta as recomendacións científicas e non os aspectos socioeconómicos

A Xunta está a avaliar a evolución da actividade da frota en 2021 co obxectivo de realizar un estudo sobre o impacto económico da posible perda de intercambios de cotas cos países máis afectados polo recorte de cotas

Santiago de Compostela, 5 de outubro de 2021

A secretaria xeral técnica da Consellería do Mar, Silvia Cortiñas, explicou hoxe na Comisión 8ª de Pesca e Marisqueo que a Xunta está a traballar desde o primeiro momento para mitigar o impacto do brexit no sector marítimo-pesqueiro galego. Neste sentido, lembrou que avalía de xeito constante a evolución da actividade da frota en augas compartidas co Reino Unido e que está inmersa na busca de argumentos e alianzas que permitan paliar as consecuencias da saída deste país da Unión Europea.
A representante da Xunta expuxo que Galicia conta cunha folla de ruta a longo prazo neste eido -aprobada por unanimidade polo Consello Galego de Pesca e desenvolvida no marco dun grupo de traballo creada dentro del- que consiste en analizar en todo momento a situación e buscar argumentos e aliados que contribúan a defender os intereses da frota galega.
Neste sentido, a comunidade está a ultimar un informe, en colaboración co sector, de cara á determinación dos Totais Admisibles de Capturas (TAC) e cotas en augas compartidas co Reino Unido para 2022 e lembrou que o modelo empregado para a fixación das posibilidades de captura para 2021 -tanto en marzo como en xullo- é un mal precedente pois só tivo en conta as recomendacións científicas. Nesta liña, Galicia defende que na fixación dos TAC e cotas se teñan en conta tanto os aspectos medioambientais como os socioeconómicos.
O Executivo galego tamén está a facer un seguimento da actividade neste 2021 co obxectivo de realizar outro informe sobre o impacto económico da posible perda de intercambios de cota cos países máis afectados polo recorte das posibilidades de pesca incluído no acordo sobre o brexit. Neste sentido, a secretaria xeral técnica incidiu en que o pacto asinado foi moi negativo para o sector pois nel o Executivo comunitario cedeu ao Reino Unido o 25% das cotas de captura europeas a cambio do acceso a augas británicas durante só cinco anos e medio, o que dificulta que moitos países teñan cupos sobrantes para empregar neses intercambios e prexudica indirectamente á frota galega.

Múltiples xestións

Galicia avaliou desde o primeiro momento, engadiu a secretaria xeral técnica da Consellería do Mar, as posibles consecuencias do brexit consultando a distintos expertos e, unha vez pechado o acordo de saída, encargou cadanseu informe tanto sobre a súa incidencia na actividade extractiva e na comercialización dos produtos pesqueiros como sobre as implicacións xurídicas do pacto acadado entre a UE e Reino Unido.
Eses documentos foron a base para traballar unha vez consumado o brexit e outorgaron argumentos á comunidade para a defensa dos intereses da súa pesca ante as institucións europeas. De feito, recordou Silvia Cortiñas, a conselleira do Mar, Rosa Quintana, trasladou as preocupacións e o impacto do acordo no sector tanto á directora xeral de Asuntos Marítimos e Pesca (DG Mare) da Comisión Europea, Charlina Vitcheva, como ao presidente da Comisión de Pesca do Parlamento Europeo, Pierre Karleskind, e ao ministro portugués do Mar-que tiña no primeiro semestre a quenda de presidente do Consello Europeo-, Ricardo Serrao.
Ao mesmo tempo, Galicia traballou co Comité das Rexións e coas comunidades e rexións do Arco Atlántico na busca de aliados e está a iniciar as conversas e consultas para a elaboración, en colaboración coa Alianza Pesqueira Europea, dunha terceira declaración -tralas asinadas polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, en outubro de 2017 e xuño de 2020- en apoio á frota europea e co obxectivo de manter unido ao sector na defensa dos seus intereses. Esa unidade, incidiu a secretaria xeral técnica, será fundamental tamén de cara á revisión da Política Pesqueira Común (PPC).

Imaxes relacionadas