A Xunta comparte coas comunidades as boas prácticas que están a permitir a recuperación turística en Galicia

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participa na I Convención de Turespaña nunha mesa redonda para intercambiar coñecementos e accións orientadas á mellora da sustentabilidade e á promoción dos destinos

Sevilla, 4 de outubro de 2021

A Xunta de Galicia estivo hoxe presente en Sevilla na primeira edición da Convención de Turespaña, un foro de encontro e reflexión de tres xornadas dirixido aos destinos turísticos españois co obxectivo de afondar na cogobernanza e onde a sustentabilidade e a dixitalización están sendo as protagonistas. O Goberno galego compartiu neste foro co resto das comunidades autónomas as boas prácticas que están a permitir a rápida recuperación do turismo no noso territorio.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, foi a responsable de afondar no traballo da Xunta para facer de Galicia un destino máis sustentable, na liña do modelo turístico da comunidade, baseado nun turismo de tranquilo e de calidade, así como nas accións de promoción que se puxeron en marcha. Neste sentido, Castro destacou “a posta en marcha de programas e liñas de axuda para a mellora da calidade e da sustentabilidade tanto das infraestruturas, servizos e produtos turísticos ofertados por unha industria turística galega cada vez máis moderna, dixitalizada e tamén, máis sustentable”.

A responsable de Turismo de Galicia compartiu unha mesa de debate que serviu para intercambiar experiencias e boas prácticas no proceso de recuperación do sector turístico onde se puxeron como exemplos a campaña de promoción Camiña a Galicia ou o Seguro coronavirus, accións que permitiron que Galicia pechara a temporada de verán colleitando datos históricos e que a comunidade liderara os rexistros turísticos de toda España.