A Xunta apoiará 11 actuacións de mellora das infraestruturas turísticas dos concellos da área de Santiago cun investimento de máis de 218.000 euros

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, visitou o muíño novo no río Mercurín que será rehabilitado con esta orde de axudas

O representante do Goberno autonómico informou que ata o 18 de outubro está aberto o prazo para que os concellos de menos de 10.000 habitantes soliciten de novo subvencións para mellora, creación ou rehabilitación de recursos ou infraestruturas turísticas

Ordes (A Coruña), 04 de outubro de 2021

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, acompañado polo alcalde de Ordes, José Luis Martínez, visitaron a zona do muíño novo no río Mercurín no que se levará a cabo a recuperación do muíño e a posta en valor da ruta polo río.
Esta actuación será posible grazas a un investimento da Xunta de 30.000 euros e se inclúe dentro dos apoios do Goberno galego aos municipios de menos de 10.000 habitantes para a mellora das súas infraestruturas turísticas. Na área de Santiago, informou Trenor, a Xunta apoiará 11 actuacións que contarán cun investimento total de máis de 218.000 euros no concellos de Arzúa, A Baña, Boimorto, Boqueixón, Dodro, Frades, Ordes, Padrón, Teo, Touro e Vedra.
O delegado da Xunta destacou a excelente acollida que está a ter a liña de axudas para actuacións de mellora en infraestruturas turísticas en concellos de menos de 10.000 habitantes, que xa rexistrou máis dun cento de solicitudes. Trátase dunha convocatoria de subvención dotada cun orzamento de 3,5M€ que ten coma obxectivo seguir modernizando e dinamizando o sector turístico galego.
Trenor recalcou que con esta orde de axudas “buscamos seguir consolidando a oferta turística nas zonas rurais a través da posta en valor da súa riqueza histórica, cultural, patrimonial e paisaxística”. “Esta obra no muíño é un bo exemplo do tipo de iniciativas que saen adiante con estes apoios”, subliñou.
Estas actuacións buscan a posta en valor turístico dos recursos, precisamente o mesmo obxectivo da orde de axudas de 3,5 millóns de euros destinadas aos concellos de ata 10.000 veciños que seguen a ter o seu prazo de solicitude aberto ata o vindeiro 18 de outubro.
A través desta liña a Xunta financiará o 100% das actuacións dirixidas ao embelecemento de accesos aos recursos turísticos, instalación ou mellora da iluminación ornamental; creación ou acondicionamento de miradoiros paisaxísticos, sendeiros ou rutas ou a adecuación dos espazos para o estacionamento de vehículos; eliminación de barreiras arquitectónicas ou sinalización con elementos integrados de forma respectuosa coa contorna, entre outras accións. Os beneficiarios serán sempre concellos de ata 10.000 habitantes beneficiario cunha contía máxima por axuda concedida de 30.000 euros.
Esta liña de axudas encádrase no paquete de axudas de case 16 millóns de euros aprobado a comezos do mes de setembro para darlle continuidade ás medidas de apoio e reactivación do sector turístico por importe de 31,2M€ das diferentes convocatorias destinadas a apoiar ao sector. En total o Goberno galego destinará este ano 120M€ ao impulso da hostalería e a industria turística galega, entre os 31,2M€ das distintas convocatorias de axudas e os case 90M€ abonados aos hostaleiros a través dos dous primeiros Plans de Rescate.

CONCELLO

ACTUACIÓN

IMPORTE

ARZÚA

Actuacións mellora infraestruturas turísticas no medio rural

27.558,27 €

BAÑA (A)

Aparcamento de caravanas en Couto Carballo

26.981,49 €

BOIMORTO

Eliminación de cableado aéreo na vía de Vilanova a Campo do Rosario

22.767,90 €

BOQUEIXÓN

Actuacións de rehabilitación no Campo do Río de Ponte Ledesma

23.305,32 €

DODRO

Obras de conservación e restauración do hórreo do arco de Castro

5.335,42 €

FRADES

Recuperación e dixitalización de sala etnobráfica: agricultura, gandaría e fogar

18.834,52 €

ORDES

Recuperación do muíño novo e posta en valor da ruta do río Mercurín

30.000,00 €

PADRÓN

Alumeado ornamental do Camiño de Santiago no lugar de Cruces

13.184,94 €

TEO

Sinalización interpretativa da ruta da Batalla de Cacheiras e instalación dunha pequena Área de lecer no percorrido

16.619,63 €

TOURO

Touro é camiño. Aplicación de realidade aumentada

11.700,00 €

VEDRA

Acondicionamento de ruta e area de interpretación dos muiños do concello

22.076,67 €

TOTAL
 

218.364,16 €

 


 

Imaxes relacionadas