A Comisión Territorial da Xunta en Pontevedra informa dos vindeiros investimentos no Concello do Grove por máis de 1 M€

O delegado territorial, Luis López, preside este encontro mensual cos responsables territoriais das consellerías, que se celebrou na confraría de pescadores e que tivo lugar de xeito itinerante por terceira vez tras os celebrados en Oia e Covelo

A Xunta vai investir case 350.000€ no obradoiro de emprego dual A Lanzada IV, que comezará este mes, preto de 250.000€ nos centros educativos públicos e 60.000€ na rexeneración dos bancos marisqueiros a travás da confraría, entre outros

O Grove, 4 de outubro de 2021

A Comisión Territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra celebrou hoxe a súa reunión mensual no municipio do Grove, no marco da filosofía de descentralización destes encontros de traballo, e abordou os vindeiros investimentos do Goberno galego para este concello, que están cifrados en máis dun millón de euros.

O delegado territorial, Luis López, mantivo un encontro co alcalde anfitrión, José Cacabelos, e posteriormente presidiu esta reunión, que se celebrou novamente de xeito itinerante, desta volta na confraría de pescadores do Grove, tras as celebradas nas anteriores convocatorias nos municipios de Oia e Covelo.

Na reunión cos responsables territoriais das distintas consellerías abordáronse as principais cuestións de ámbito autonómico, como o balance do inicio de curso en escolas infantís, colexios e institutos con especial fincapé na situación da pandemia, os bos resultados turísticos dos meses centrais do verán en toda a provincia e as ilusionantes perspectivas para este outono ou o informe da campaña de prevención e extinción dos lumes forestais, que se saldou cunha incidencia moi baixa, entre outros asuntos.

Así mesmo, e dado que o encontro tivo lugar na municipio do Grove, tamén se fixo un repaso aos inminentes investimentos da Xunta de Galicia neste concello ata finais de ano, que superarán o millón de euros.

Deste xeito, está previsto que se destinen preto de 350.000 euros ao obradoiro de emprego dual A Lanzada IV, que comezará este mes con vinte participantes, e case 250.000 euros á mellora de centros educativos públicos, destacando a renovación de cubertas e fachadas no IES Plurilingüe As Bizocas, xa en obras, e nos falsos teitos e luminarias do CEIP Valle Inclán, que están pendentes de licitación.

Así mesmo, tamén se vai acometer unha mellora da estación de autobuses cunha achega de 50.000 euros, vaise proceder á rexeneración dos bancos marisqueiros cun investimento de 60.000 euros a prol da confraría para a repoboación de 1,6 millóns de unidades de semente de ameixa e están previstas actuacións en camiños rurais a través do Plan Marco ou o mantemento da aula de natureza do Siradella, entre outras actuacións.

Finalmente, o delegado territorial, que explicou que a elección do Grove para a reunión deste mes de outubro tamén pretende visibilizar o “absoluto respaldo” da Xunta ás Xornadas Marisqueiras organizadas por Emgrobes, lembrou que o apoio do Goberno galego ao municipio do Grove “vai moito máis alá dos investimentos públicos, xa que no que vai de ano temos concedido achegas e axudas a preto de 500 negocios, comercios, locais de hostalería e pemes deste concello por máis dun millón de euros ao abeiro dos plans de rescate, o Bono Activa Comercio ou as ordes de infraestruturas turísticas e de terrazas, entre moitas outras”.

Imaxes relacionadas