A primeira das seis xornadas previstas comezou esta mañá co aforo completo na Escola galega de administración pública (EGAP)

Arranca o ciclo formativo sobre a aplicación da Lei de ordenación do territorio dirixido a persoal técnico e xurídico nesta materia

Santiago de Compostela, 4 de outubro de 2021

A directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas, e o director da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU), Jacobo Hortas, acompañados polo catedrático de Dereito Administrativo na Universidade de Santiago de Compostela, Luis Miguez Macho, inauguraron esta mañá o ciclo formativo sobre a aplicación da Lei de ordenación do territorio.

Baixo o título Cuestións de actualidade e relacións de colaboración con axentes implicados na disciplina urbanística, a Consellería de Medio Ambiente programa esta actividade formativa, que se desenvolverá en seis xornadas diferentes, pensada especialmente para o persoal público da APLU, así como para o persoal técnico xurídico que desenvolven funcións relacionadas coa materia urbanística. Na xornada de hoxe, celebrada na Escola galega de administración pública (EGAP), participaron un total de 60 persoas, o aforo completo.

Nesta primeira actividade, e ao longo do ciclo que se desenvolverá ata o 8 de novembro, presentouse o novo marco normativo na Comunidade, onde destaca a entrada en vigor da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia, así como as últimas modificacións efectuadas sobre a Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do Solo de Galicia.

Outra das cuestións que se abordaron é as distintas relacións que se establecen entre os suxeitos que operan no territorio, do urbanismo e do litoral, como a Fiscalía, xulgados e tribunais do Poder Xudicial, e as diferentes administracións territoriais e colexios profesionais que velan polo adecuado exercicio das profesións cualificadas para o proceso de urbanización e edificación.

Imaxes relacionadas