A Xunta e o Concello da Coruña asinan o convenio de colaboración para construír o novo centro de saúde de Santa Lucía

A infraestrutura contará con preto de 1.000 metros cadrados máis de superficie que o actual centro de saúde Federico Tapia, ao pasar dos 387 metros cadrados a máis de 1.300

O novo centro sanitario emprazarase no antigo Mercado de de Santa Lucía, e tamén duplicará o número de consultas destinadas á medicina xeral, enfermería e pediatría
 

A Coruña, 4 de setembro de 2021

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e a alcaldesa do Concello da Coruña, Inés Rey García, asinaron esta mañá no Salón Vermello do Concello da Coruña, un convenio de colaboración para construir un novo centro de saúde que se emprazará no antigo Mercado de Santa Lucía.

Tras o acto de sinatura, no que tamén estiveron presentes o delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Gonzalo Trénor, e o xerente da área sanitaria da Coruña e Cee, Luis Verde, o titular de Sanidade subliñou que esta nova instalación sanitaria permitirá que, tanto os 11.500 usuarios do centro de saúde Federico Tapia, como os seus profesionais, poidan contar cunhas instalacións ”axustadas as súas necesidades e as propias do século XXI”.

Un centro de saúde de primeiro nivel

O novo centro de saúde contará cunha maior superficie, novas áreas e servizos, ademais dunha plantilla de profesionais ampliada.

Neste senso, no que atinxe á superficie, dos actuais 387 metros cadrados cos que conta
o centro de saúde Federico Tapia, pasarase a máis de 1.300 distribuídos en dous andares. Esta ampliación permitirá aumentar o espazo das áreas médicas e pediátricas, así como o das zonas destinadas ao persoal, á administración e ao arquivo.

Na mesma liña de mellora, tamén se duplicará o número de consultas destinadas á medicina xeral, que pasarán de 3 a 6 espazos, así como as consultas destinadas a enfermería, que pasarán de 2 a 4. Este mesmo incremento de consultas tamén se producirá no servizo de pediatría, unha especialidade que disporá, ademais, dunha sala de espera específica.

Entre as súas novidades, o novo centro de saúde de Santa Lucía contará con máis servizos que o seu predecesor. Nomeadamente, disporá dunha área destinada ao Traballo Social, unha consulta para a matrona, sala de educación maternal, sala para a toma de mostras, salas polivalentes, e un espazo para atender as urxencias.

García Comesaña pechou a súa intervención agradecendo a colaboración entre as Administracións, ao posibilitar dar resposta “a unha demanda de hai moitos anos” que se plasmou nun protocolo asinado entre Xunta e Concello no ano 2014 que finalmente vai permitir poder substituir unha infraestrutura que dificultaba prestar atención primaria óptima, por outra “máis moderna, máis accesible e orientada ao paciente”. Así, o desbloqueo deste proxecto, permitirá a Xunta de Galicia continuar coa renovación integral da atención primaria que está a levar a cabo en toda Galicia.
 

Imaxes relacionadas