A Xunta publica a nova oferta formativa do servizo Quérote+ dirixida a concellos e asociacións

Como novidade este ano ofertaranse tres novos obradoiros: Re Conecta, para a xestión do mundo dixital; Cultivando a autoestima, sobre o crecemento persoal; e Recalculando a ruta, para a xestión emocional tras os efectos da covid-19

As entidades interesadas poderán elixir entre dous formatos: presencial e virtual
 

Santiago de Compostela, 3 de outubro de 2021

A Xunta publicou na páxina web de Xuventude a nova oferta formativa do servizo Quérote+ dirixida a concellos e asociacións. Cada entidade poderá solicitar os obradoiros que lle resulten de interese para un mínimo de dez persoas cubrindo o formulario dixital e poderán elixir entre dous formatos: presencial e virtual.

Ofértanse un total de sete obradoiros dirixidos á xuventude de entre 14 e 30 anos ou a familias con menores a cargo. Entre as novidades deste ano atópanse os cursos Re Conecta, para a xestión do mundo dixital e a adicción ás novas tecnoloxías; Cultivando a autoestima, obradoiro para o crecemento persoal e o autoconcepto; e Recalculando a ruta, para a xestión emocional tras os efectos da covid-19.

Estes tres proxectos novidosos súmanse aos xa impulsados con anterioridade: Falando da sexualidade, sobre a educación sexual; Divers@s, sobre o proceso de sexualización; O coidado dos vínculos afectivos, para a xestión equilibrada das relacións afectivas; e Redes Familiares no que se avoga polo traballo conxunto e integral cos diferentes axentes educativos implicados directa ou indirectamente no proceso de ensino-aprendizaxe.
 

Imaxes relacionadas