O 85,5% das vacinas contra a covid administradas en Galicia aplicáronse nos grandes recintos

O conselleiro de Sanidade agradece o esforzo e traballo de todo o persoal implicado no Plan galego de vacinación

García Comesaña visitou IFECO, con motivo da administración da última dose que se aplicará nos espazos de vacinación masiva de Galicia, onde a Xunta inmunizou a preto de dous millóns de persoas

A Coruña, 2 de setembro de 2021

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, vén de visitar o recinto feiral IFECO (Coruña), con motivo da última vacina contra a covid-19 que se aplicará nos grandes recintos de vacinación galegos. Nestes espazos, administráronse o 85,5% das doses recibidas pola Xunta de Galicia, acollendo a vacinación de preto de dous millóns de persoas.

Durante a visita, o titular de Sanidade agradeceu o esforzo e traballo de todo o persoal implicado no plan galego de vacinación, e cuxo labor serviu para inmunizar con gran velocidade a máis de 2.250.000 persoas na nosa comunidade. “Grazas aos equipos de profesionais coma vós , Galicia foi a comunidade que máis rápido vacinou, inxectando o 100% da doses recibidas”, subliñou.

Desde o pasado mes de marzo, no que a Xunta de Galicia comezou a vacinar en grandes recintos, estes espazos mantiveron unha grande actividade co obxectivo de inmunizar o máis rápido posible á poboación galega. Así, no caso de recinto feiral coruñés IFECO administráronse 662.013 doses da vacina contra a covid, coas que se inmunizou a un total de 362.759 persoas.

Ante a baixada de casos activos que está a rexistrar a comunidade galega, García Comesaña apuntou que nestes intres Galicia atópase “nunha nova etapa”, pero, lembrou que aínda que non rematou á xestión da pandemia, dado que “o virus segue circulando”.
Neste senso, animou a acudir a vacinarse ás preto de 150.000 persoas que aínda non o fixeron até o de agora.

Imaxes relacionadas