Galicia e Chile intercambian experiencias sobre o marisqueo

Santiago de Compostela, 2 de outubro de 2021

A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez; o alcalde de Noia, Santiago Freire e representantes da Asociación de Mulleres do Sector da Pesca Ría de Muros Noia Seo de Fisterra mantiveron esta semana un encontro por videoconferencia coa subsecretaria de Pesca e Acuicultura de Chile, Alicia Gallardo, e con representantes da Corporación Nacional de Mulleres da Pesca Artesanal no que intercambiaron distintas experiencias sobre o marisqueo entre as dúas zonas.

Durante a reunión abordouse o caso do marisqueo da ría de Muros e Noia como exemplo representativo desta actividade característica e de valor na economía de Galicia e puxéronse sobre a mesa os aspectos comúns deste traballo na comunidade galega e tamén en Chile. En ambos casos se trata dun labor artesanal no que as mulleres teñen un importante papel. O encontro foi impulsado ao abeiro do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro Seo de Fisterra Ría de Muros-Noia: Costa Sostible e dá continuidade á xornada que este grupo organizou a comezos de setembro por videoconferencia entre representantes do marisqueo da ría de Muros e Noia e de Chile.
 

Imaxes relacionadas