García Comesaña solicita celeridade ao Goberno central para reformar a atención primaria e incide na necesidade de poder contar con máis médicos

O responsable da Sanidade galega valora en positivo o compromiso alcanzado polo Goberno central, ao tempo que reitera a necesidade de contar cun maior número de profesionais, mediante a ampliación de prazas MIR

Santiago de Compostela, 1 de outubro de 2021

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, solicita ao goberno Central celeridade na toma de decisións para afrontar a reforma que precisa a atención primaria, incidindo en que é prioritario contar con máis médicos.

Tras valorar en positivo o compromiso acadado entre as autoridades sanitarias das comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade no “I Encontro da Atención Primaria: Retos e Oportunidades”, o titular da carteira sanitaria galega amosouse conforme co “primeiro paso” dado polo Goberno central “ao recoñecer os problemas existentes na atención primaria de toda España”.

O responsable de Sanidade apuntou que “unha das cuestións máis críticas neste nivel asistencial é a falta de médicos”, incidindo en que para elo, “o Goberno central debe revisar as unidades formativas dos MIR, para así poder formar un maior número de facultativos”.

Neste liña, García Comesaña explicou que “se non temos máis médicos, é imposible abordar todo o demais”, lembrando a reiterada solicitude da Xunta de Galicia de eliminar a taxa de reposición, e tamén realizar unha convocatoria extraordinaria de prazas MIR.

Ademais, apuntou que “se debe revisar o programa formativo da especialidade e as unidades docentes, para que sexa posible ampliar o número de centros formativos e titores”. Así mesmo, insistiu tamén en que “se deben modernizar os trámites de acreditación para poder contar con máis titores e titoras; ademais de promover a medicina familiar e comunitaria, para atraer aos novos graduados en Medicina que se precisan”.

García Comesaña salientou “a necesidade de contar cunha especialidade propia de urxencias, avanzar nas competencias de enfermería e o papel do persoal de administración en primaria” .

“Agardamos que o Goberno central cumpra cos compromisos acordados nos vindeiros meses”, para así “poder avanzar na transformación da atención primaria galega, tal e como recolle o Plan de atención primaria 2019-21 e na estratexia: Por unha atención primaria vertebradora do Sistema de Saúde”, apostilou.

O conselleiro de Sanidade remarcou a necesidade de que o goberno Central “tome as decisións coa maior premura posible”, subliñando que “o compromiso é importante, pero agora resta que se cumpra”. Así, agarda “que este mesmo ano se dean os primeiros pasos”, dado que “non se pode esperar máis”.