O Sergas oferta 327 prazas nas oposicións que se celebran esta fin de semana

Están convocados un total de 1.224 aspirantes para o sábado, para a cobertura de 110 prazas de facultativo especialista de área de medicina interna e técnico superior de imaxe para o diagnóstico, e outros 1.108 aspirantes están convocados para o domingo, para cubrir 217 prazas de distintas especialidades de facultativo especialista de área e técnico superior de hixiene bucodental

En total, o Servizo Galego de Saúde realizará probas selectivas para cubrir 1.311 prazas entre o 18 de setembro e o 24 de outubro

Santiago de Compostela, 1 de outubro de 2021

Esta fin de semana van continuar no Recinto da Feira Internacional de Galicia, en Silleda (Pontevedra), as probas selectivas da oferta pública de emprego do Servizo Galego de Saúde, iniciadas o pasado 18 de setembro. Esta fin de semana realizaranse os exames para cubrir 327 prazas.

O sábado día 2 están convocados os aspirantes a cubrir 47 prazas de facultativo/a especialista de área de medicina interna e 63 de técnico/a superior de imaxe para o diagnóstico. A entrada das persoas aspirantes dará inicio ás 9:30 horas.

O domingo día 3, a partir desta mesma hora, están convocados 1.108 aspirantes das categorías de facultativo/a especialista de área de análises clínicas, cirurxía xeral e do aparello dixestivo, medicina intensiva, oftalmoloxía, pneumoloxía, radiodiagnóstico e técnico/a superior de hixiene bucodental, para cubrir 217 prazas. Delas, 207 corresponden a facultativo de área (691 aspirantes) e 10 a técnico/a superior de hixiene bucodental (417 admitidos).

Na páxina web do Servizo Galego de Saúde www.sergas.es recóllese a información das distintas portas de acceso ao recinto e a relación de aspirantes comprendidos en cada unha delas.

Medidas de seguridade e organizativas no desenvolvemento das probas

Debido ao contexto sanitario actual derivado da pandemia, elaborouse un protocolo de medidas de seguridade e organizativas no desenvolvemento dos procesos selectivos do Servizo Galego de Saúde, que contén as medidas preventivas e os medios necesarios para protexer a seguridade e saúde das persoas implicadas en tales procesos.

Entre outras medidas están a supresión do chamamento dos aspirantes no exterior do recinto de realización das probas; a acreditacion para o acceso efectuarase a través de código QR; e cada aspirante terá asignado un número de posto de exame que deberá ocupar para a realización das probas. Ademais, a cumprimentación dos datos identificativos da folla de respostas efectuarase pola propia persoa aspirante no seu posto de exame; habilitaranse medidas especiais de protección para os aspirantes inmunodeprimidos; embarazadas, etc, e está definido un protocolo de actuación a seguir para o suposto de que algún aspirante, durante a realización das probas, aprecie síntomas compatibles coa covid. En definitiva, medidas que contribuirán a unha maior axilidade no desenvolvemento das probas e a unha redución do contacto interpersoal.

As persoas convocadas teñen dispoñible en Fides un código QR coa información do lugar, data e hora de realización das probas, así como a porta de acceso e número de mesa a ocupar. A entrada será axilizada co uso de código QR para identificación.

Este protocolo está publicado na páxina web do Servizo Galego de Saúde: OPE-Oferta Pública de Emprego e conta coa aprobación da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade.