A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o alcalde, Carlos Martínez, selaron hoxe en San Caetano o acordo para impulsar esta actuación

A Xunta e o Concello de Vedra asinan a colaboración para reforzar o saneamento neste municipio cun investimento de máis de 1,3 M€

Executaranse as obras de saneamento nas parroquias de San Mamede e de Santa Cruz de Ribadulla, completando un proxecto máis amplo no que Augas de Galicia terá investido un total de 2,3 M€

A Xunta cofinanciará as actuación nun 80%, coa achega de máis de 1 M€, e o Concello o importe restante, 265.000 €

O obxectivo destas obras é fortalecer o sistema de saneamento dos núcleos de Outeiro, A Lagoa, Sete, Angustín e Agrelo

Ampliarase a rede cun ramal que recolle as augas residuais de Agrelo e dunhas vivendas de Rozadela e disporase unha estación de bombeo para Outeiro e A Lagoa

A Xunta continúa prestando o seu apoio técnico e financeiro aos concellos para que poidan desenvolver as súas competencias de saneamento e abastecemento de xeito eficiente

Santiago de Compostela, 1 de outubro de 2021

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o alcalde de Vedra, Carlos Martínez, asinaron esta mañá nas dependencias da Consellería, en San Caetano, o convenio de colaboración para reforzar o sistema de saneamento neste municipio, cun investimento de máis de 1,3 millóns de euros.

Mediante este acordo, impúlsase a execución das obras de saneamento nas parroquias de San Mamede e de Santa Cruz de Ribadulla.
O departamento que preside Ethel Vázquez apoiará ao Concello no desenvolvemento das súas competencias municipais cofinanciando a actuación nun 80%, coa achega de 1,06 millóns de euros. As obras contarán co financiamento do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), no marco do PDR Galicia 2014-2020.

Augas de Galicia tamén se encargará da contratación da execución, dirección e xestión das obras ata completar a súa finalización e formalizar os correspondentes actos de recepción.

Pola súa banda, o Concello de Vedra contribuirá ao financiamento do 20%, cun investimento de 265.000 euros, comprometéndose a someter o proxecto a información pública, así como a pór á disposición os terreos necesarios para levar a cabo as actuacións.

A Administración local asume, ademais, a realización das xestións pertinentes para posibilitar a súa execución, así como a recepción mantemento e conservación das actuacións que se leven a cabo.

Actuacións a executar

O obxectivo desta actuación é reforzar o sistema de saneamento dos núcleos de Outeiro, A Lagoa, Sete, Angustín e Agrelo, completando así un proxecto máis amplo no cal o Goberno galego terá investido un total de 2,3 millóns de euros, contando esta terceira fase de obras e as dúas xa executadas con anterioridade.

Os traballos obxecto do convenio asinado hoxe consisten na ampliación da rede de saneamento cun novo ramal que recolle as augas residuais do núcleo de Agrelo e os tramos que conectan unhas vivendas de Rozadela e outras próximas ao campo de fútbol. Para Outeiro e A Lagoa deséñase unha estación de bombeo que descargará nun pozo da rede existente.

A impulsión prevista levará as augas desde a estación de bombeo de augas residuais ata unha cámara de rotura de carga, desde a que un tramo de colector por gravidade descargará na rede existente.

Tamén se realizará a modificación do bombeo de Neira para adaptalo ao novo caudal.

As obras proxectadas darán servizo a unha poboación de 500 habitantes para o ano horizonte 2038.

Fases I e II

Esta actuación daralle continuidade ás xa realizadas nunha primeira fase, nas parroquias de Tomonde e Neira, e nunha segunda, nas de San Mamede e Santa Cruz, que suman un investimento global de máis de 1 millón de euros.

Na primeira fase, a Xunta executou o saneamento dos núcleos de Neira de Arriba e Neira de Baixo, ambos os dous na parroquia de San Mamede de Ribadulla. As actuacións consistiron na instalación dun treito de colector xeral, que discorre paralelo ao río Tomonde. Tamén se acometeu unha nova depuradora que consta de sistemas de pretratamento, decantador, tanque de flotantes e arqueta de repartición.

Na segunda fase, as actuacións consistiron en dar continuidade ao colector iniciado na primeira fase, así como na execución de 7 ramais secundarios e 130 pozos de rexistro. Ademais executáronse melloras na depuradora do núcleo de Neira, dotándoa dun equipo de bombeo para reforzar a súa capacidade e permitir a posibilidade de futuras incorporacións doutros núcleos.

A Xunta continúa prestando apoio técnico e financeiro aos concellos para que poidan desenvolver as súas competencias de saneamento e abastecemento de xeito eficiente.

Imaxes relacionadas