O vicepresidente segundo, Francisco Conde, acompañado da conselleira de Política Social e outros membros do Executivo autonómico, acudiu esta tarde á entrega de premios

A Xunta agradece a Once Galicia o seu esforzo por 'sinalar o camiño cara un mundo de ilusión' e de integración das persoas con discapacidade

Fabiola García recibiu o Premio Solidario Once Galicia na categoría de institución pública, e sinalou que o Goberno galego seguirá traballando da man das entidades por unha sociedade mellor

A Coruña, 30 de setembro de 2021

A Xunta agradeceu a Once Galicia o seu esforzo por “sinalar o camiño cara un mundo de ilusión” e de integración das persoas con discapacidade. O vicepresidente segundo da Xunta e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, acompañado da conselleira de Política Social, Fabiola García, e outros membros do Executivo autonómico asistiu esta tarde á gala de entrega dos galardóns que esta entidade concede a diferentes persoas polo seu traballo a favor da inclusión.

A conselleira de Política Social recibiu o premio na categoría de institución pública, e agradeceu a Once Galicia que sexa un aliado fundamental na loita polos dereitos das persoas con discapacidade. Neste sentido, apuntou que o Goberno galego seguirá traballando da súa man ofrecéndolle todas as ferramentas á súa disposición para facer de Galicia un mellor lugar no que vivir.

Neste sentido, o vicepresidente económico tamén quixo poñer en valor o traballo levado a cabo por Once Galicia na atención, os coidados e a integración das persoas con discapacidade para axudar no obxectivo común de facer unha Galicia máis inclusiva.

Conde, que enxalzou o labor realizado durante a pandemia desde o ámbito da sanidade e a atención a colectivos vulnerables, quixo ter un recoñecemento especial para os traballadores e traballadoras do comercio esencial, premiados na categoría de Empresa Solidaria nestes galardóns. Así, destacou o compromiso das tendas de barrio, do sector da alimentación e de numerosas empresas da cadea de distribución.

Imaxes relacionadas