A Xunta apoia a formación de catro titulados en ciclos de acuicultura para facilitar a súa entrada ao mercado laboral

Esta acción desenvólvese a través de catro bolsas formativas no Instituto Galego de Formación en Acuicultura (Igafa), que contan cun orzamento de máis de 93.000 euros e implican que os beneficiarios realicen prácticas de xestión e produción de cría de bivalvos durante dous anos

A Illa de Arousa (Pontevedra), 30 de setembro de 2021

A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, visitou hoxe o Instituto Galego de Formación en Acuicultura (Igafa) para analizar cos seus responsables a actividade do centro e coñecer aos catro titulados en ciclos formativos de acuicultura que están a completar o seu tránsito ao mercado laboral mediante bolsas de formación.

Estas catro bolsas de especialización foron convocadas en abril deste ano e comezaron a desenvolverse en setembro mediante a realización de prácticas de xestión e produción de cría de bivalvos no centro de ensino dependente da Consellería do Mar. Esta formación, que terá unha duración de dous anos, conta cun orzamento de algo máis de 93.000 euros.

O modelo aplicado nestas bolsas é o réxime de empresa tutelada, no que os titulados realizan as prácticas laborais nun ámbito de empresa ficticia no que se reproducen os medios e procesos de produción e xestión reais, pero no que a titularidade é da Administración responsable do proceso de formación. Isto implica que cada unha das persoas beneficiadas polas bolsas conta con titores designados pola Consellería do Mar que se encargan de elaborar o seu plano formativo.

A representante do Executivo galego comprobou así a formación práctica que se ofrece a través destas bolsas, coas que a Xunta busca favorecer a capacitación dos titulados nos ciclos de acuicultura mediante unha aprendizaxe integral e perfeccionada. De feito, a finalidade última deste tipo de iniciativas é promover a especialización do alumnado e facilitar o seu acceso ao mundo laboral.

A Consellería do Mar convocou desde 2009 máis dunha vintena de bolsas formativas para titulados no eido da acuicultura cun investimento total de máis de 450.000 euros. Nesta última convocatoria os posibles beneficiarios foron técnicas/os medios en Operacións de Cultivo Acuícola, técnicas/os medios en Cultivos Acuícolas, técnicas/os superiores en Produción Acuícola e técnicas/os superiores en Acuicultura sempre que non se beneficiasen de axudas semellantes para o mesmo fin.

Imaxes relacionadas