O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, visitou hoxe as instalacións desta entidade

Política Social pon en valor os programas impulsados polo CDR de Vilardevós para a promoción da autonomía persoal das persoas maiores

O Goberno galego destina 72.000 euros para a posta en marcha de actividades que logren un envellecemento activo e a prevención da dependencia

Vilardevós (Ourense), 30 de setembro de 2021

O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, puxo en valor os programas impulsados polo Centro de Desenvolvemento Rural (CDR) de Vilardevós para a promoción da autonomía persoal das persoas maiores. Esta mañá visitou as súas instalacións onde coñeceu máis en profundidade as actividades dos proxectos Aldeas Activas e Vou contigo.

O Goberno galego destina 72.000 euros a esta entidade para a posta en marcha destas iniciativas a través do 0,7% do Imposto sobre a Renda das persoas Físicas (IRPF). Esta axuda vai destinada á adquisición de equipamento tecnolóxico ou a posta en marcha destes proxectos destinados ao envellecemento activo ou a prevención da dependencia.

O director xeral tamén aproveitou a súa visita para coñecer a algún dos usuarios que participan nas súas actividades de estimulación cognitiva. Destacou que a prevención do deterioro cognitivo é tan importante como o seu coidado posterior e permite que as persoas maiores teñan unha mellor calidade de vida.
 

Imaxes relacionadas