A Xunta reforza os servizos de autobús entre a Coruña e Ferrol con ata 244 prazas máis cada día e traballa en novas melloras para atender o aumento da demanda

Na última semana os servizos reforzáronse cunha media de 125 prazas máis ao día entre semana, chegando ata as 244 o venres, que se suman ás máis de 3.700 ofertadas de xeito regular

Este reforzo responde ao incremento da demanda detectado setembro, coincidindo co inicio do curso e a recuperación da presencialidade de moitos traballadores

Santiago de Compostela, 30 de setembro de 2021

A Xunta reforza os servizos de autobús entre a Coruña e Ferrol con ata 244 prazas máis cada día nas frecuencias de maior ocupación e traballa na implantación de novas melloras no transporte público entre estas dúas cidades para atender o aumento da demanda rexistrado no mes de setembro.

Na última semana, os servizos entre Ferrol e A Coruña reforzáronse cunha media de 125 prazas máis ao día entre semana, chegando os reforzos ata as 244 prazas o pasado venres, que se engaden ás máis de 3.700 ofertadas xa de xeito regular.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade detectou un incremento da demanda superior á agardada este mes de setembro, principalmente desde o pasado día 13, motivada pola reincorporación ás clases dos estudantes e pola recuperación da presencialidade por parte de moitos traballadores.

A este factor engadiuse o efecto positivo sobre a demanda do transporte público que están a ter a implantación en toda Galicia da tarxeta Xente Nova da Xunta e a oferta de bonos da concesión actual. Así, os menores de 21 anos que ata o pasado 21 de maio viaxaban gratis nas áreas de transporte metropolitano da Coruña e de Ferrol, este curso tamén o poden facer dunha área á outra no transporte interurbano da Xunta. A día de hoxe 4.556 mozos menores de 21 anos de Ferrol viaxan gratis coa tarxeta Xente Nova da Xunta, un total de 10.334 nos concellos da área.

No incremento do número de usuarios está a ser determinante tamén a evolución favorable da pandemia da COVID-19, que permitiu deixar atrás as medidas que limitaron os desprazamentos na primeira metade do ano.

Neste escenario de aumento abrupto da demanda, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade está a analizar con detalle as novas necesidades que fan preciso un aumento das prazas dispoñibles en horarios concretos. Do mesmo xeito, requiriulle xa á UTE concesionaria que formule unha proposta de mellora dos servizos para satisfacer as solicitudes achegadas polos usuarios e institucións, dentro da marxe de flexibilidade que ten o contrato.

O obxectivo é avaliar posibles novos axustes na configuración dos servizos entre ambas as dúas cidades co obxectivo de axilizar, ao máximo, a aplicación efectiva dos cambios que se consideren necesarios. O traballo conxunto entre a Xunta e a concesionaria permite ter en conta, ademais dos datos actualizados ao día que recolle o operador, as circunstancias globais do tráfico de entrada e de saída dos centros urbanos nas horas de maior conxestión, que poden influír no funcionamento do transporte público.

Ata 244 prazas máis nun día

Para atender de xeito áxil a actual repunta de demanda detectada no transporte público, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade instou ao operador, con carácter de urxencia, a dispoñer reforzos nos servizos de autobús nos dous sentidos: A Coruña-Ferrol e Ferrol-A Coruña.

En particular, as expedicións nas que se identificou unha intensificación da demanda superior á agardada son as que ofrecen os servizos directos por autoestrada nos horarios da primeira hora da mañá e a primeira hora da tarde, adecuados ao inicio e ao remate das xornadas lectivas e laborais dos usuarios maioritarios.

Nestes servizos, na última semana instouse ao contratista á posta en circulación dun segundo autobús cunha capacidade adaptada á demanda existente en cada momento.

Así, ás máis de 3.700 prazas que se viñan ofrecendo cada día de luns a venres nos autobuses interurbanos que conectan as cidades de Ferrol e A Coruña, a semana pasada engadíronse unha media de 125 prazas adicionais cada día, chegando os reforzos ata as 244 o pasado venres.

Ese venres, día 24, desdobráronse cun autobús adicional 5 servizos de horas punta, ao sumárense as viaxes previas á fin de semana cos desprazamentos de ida e volta diarios. O aumento da demanda atendida ese día foi particularmente importante á primeira hora da tarde nos servizos en sentido de Ferrol á Coruña.

Pola súa parte, na fin de semana, deuse instrucións ao operador para activar reforzos en ata 11 expedicións, coa finalidade de responder con axilidade e evitar problemas aos usuarios. Con todo, non foi preciso poñer en circulación autobuses adicionais.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade mantén un seguimento continuo da prestación dos servizos e da demanda existente, que se intensificou máis se cabe esta semana, co obxectivo de requirir á concesionaria os axustes que sexan precisos na conexión entre as dúas cidades, tras os reforzos establecidos a pasada semana.

O volume de usuarios que se despraza a diario entre as cidades da Coruña e de Ferrol outórgalle unha especial relevancia ao transporte público que conecta estas dúas áreas.

Desde a posta en marcha do novo contrato de transporte público, en decembro de 2020, atendendo ás demandas dos usuarios, xa se teñen implantado melloras na oferta e na configuración das liñas, coa finalidade de atender coa maior precisión as necesidades de estudantes, traballadores e outros usuarios recorrentes que se foron detectando.

Imaxes relacionadas