A Xunta licita a mellora das rúas Calvo Sotelo e Justo Martínez na Estrada por máis de 275.000 euros

O contrato da actuación, publicado hoxe na plataforma de contratación do Goberno galego, prevé un prazo de execución de tres meses

Santiago de Compostela, 30 de setembro de 2021

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda licita hoxe o contrato para mellorar o estado actual de dúas rúas do concello da Estrada: Calvo Sotelo e Justo Martínez, por un importe de máis de 275.000 euros.

Trátase dun proxecto de mellora integral e de humanización de dúas vías localizadas no núcleo urbano que, malia contar cuns servizos urbanísticos en bo estado, é necesario dotar de infraestruturas nalgúns puntos nos que presentan deficiencias, ou precisan ser modificadas, ademais de instalar a sinalización correspondente.

A modo de exemplo, na rúa Calvo Sotelo levarase a cabo a súa peonización, coa retirada de pivotes, a demolición do pavimento asfáltico, a instalación dun bordo perimetral de granito e a pavimentación de granito.

Do mesmo xeito, para mellorar o espazo destinado aos peóns na rúa Justo Martínez, procederase á ampliación dunha das beirarrúas nun ancho de 1,50 metros ao tempo que se elevará o pavimento asfáltico á mesma cota que as beirarrúas co obxecto de conseguir unha plataforma única, eliminando problemas de accesibilidade.

Así, todas as empresas interesadas en presentar a súa oferta a este contrato público, cuxo prazo de execución é de tres meses, dispoñen ata o 20 de outubro.

Cómpre lembrar que a Xunta leva unha década colaborando coas entidades locais a través do chamado plan Hurbe na execución de intervencións e proxectos urbanísticos como o que propón que contribúan a crear, mellorar ou humanizar equipamentos de uso común e colectivo.
 

Imaxes relacionadas