Luis López anima a consumir produtos galegos do mar nas "Xornadas Marisqueiras" organizadas por Emgrobes no mes de outubro no Grove

O delegado territorial, acompañado do alcalde do Grove, José Cacabelos, do presidente da entidade, José Besada, e doutros integrantes, participou esta mañá na presentación desta exaltación gastronómica, que conta co apoio económico e loxístico da Xunta de Galicia

A festa desenvolverase do 1 ao 17 de outubro con oito dias de actividades para todos os públicos concentradas nas fins de semana e na ponte do Pilar e cunha xornada de promoción de peixe e marisco a cargo da Consellería do Mar

“Quero convidar aos galegos e aos visitantes da nosa terra a que enchan, con sentidiño, as rúas e os restaurantes do Grove nunha cita gastronómica e social da máxima calidade e recoñecida en toda España como un dos grandes fitos do outono”, sinalou o representante autonómico

O Grove, 30 de setembro de 2021

O delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Luis López, animou a consumir produtos galegos do mar e a visitar o municipio do Grove no marco das Xornadas Marisqueiras impulsadas pola Asociación de Empresarios Grovenses de Bens e Servizos (Emgrobes) e que se celebrarán na primeira quincena de outubro.
O representante autonómico participou esta mañá, no Museo da Salazón de Punta Moreiras, no acto de presentación oficial do programa de actividades xunto ao alcalde, José Cacabelos, o presidente da entidade organizadora, José Besada, e outros integrantes da asociación.
“Temos os mellores produtos do mar do mundo e unha gastronomía excepcional para a súa preparación, polo que, dende a Xunta de Galicia, consideramos fundamental que se celebren estas Xornadas Marisqueiras para favorecer a súa promoción e continuar coa reactivación do turismo e da hostalería. Loxicamente, Emgrobes conta para a súa organización co máximo apoio económico e loxístico do Goberno galego”, sinalou o delegado territorial, que agradeceu á asociación o seu esforzo e traballo para sacar adiante esta cita gastronómica.
A exaltación do marisco do Grove desenvolverase entre o 1 e o 17 de outubro con oito días de actividades transversais para todos os públicos que incluirán concertos, roteiros, deporte, visitas guiadas a enclaves como a Lonxa ou o Museo da Salazón, xogos, eventos infantís ou obradoiros. Todas elas concentraranse nas tres primeiras fins de semana de outubro, con especial incidencia na coincidente coa ponte do Pilar, e ademais haberá unha xornada de promoción de peixe e marisco de Galicia a cargo da Consellería do Mar.
“Cremos que a idea de Emgrobes de encher o Grove de actividades nas datas tradicionais da Festa do Marisco é moi atinada, xa que vai supoñer un importante reclamo e atractivo para que milleiros de persoas se acheguen ao municipio e poidan gozar de certa actividade social e cultural e quedarse a degustar os mellores produtos do mar nos restaurantes e establecementos de hostalería da vila”, significou Luis López, que lembrou que nesta ocasión, e por seguridade sanitaria, a asociación organizadora optou porque as comidas, ceas e degustacións de marisco e outros produtos teñan lugar exclusivamente nos locais.
“Quero convidar aos galegos e aos milleiros de visitantes que hai na nosa terra neste mes de outubro a que ateiguen, mantendo o sentidiño e a responsabilidade fronte á covid-19, as rúas e os restaurantes do Grove nunha cita gastronómica e social da máxima calidade e recoñecida en toda España como un dos grandes fitos do outono”, concluíu o delegado territorial.

Imaxes relacionadas