A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o alcalde de Portomarín, Juan Serrano, firmaron hoxe telematicamente o acordo para executar estas actuacións

A Xunta asina co concello de Portomarín o convenio de colaboración para mellorar o abastecemento ao núcleo de León, cun investimento de máis de 368.000 €

O Goberno galego financiará as obras cunha achega do 80% do orzamento, máis de 294.500 euros, contribuíndo o Concello co 20% restante, arredor de 73.600 euros

O obxectivo é modernizar a rede neste núcleo coa implantación dunha condución principal de distribución de auga da que partirán as acometidas domiciliarias

A intervención consistirá nas obras necesarias para dispor dunha única condución para toda a poboación, fronte ás 19 conducións individuais que hai na actualidade
 

Santiago de Compostela, 30 de setembro de 2021

A Xunta asinou co Concello de Portomarín o convenio de colaboración para mellorar o abastecemento ao núcleo de León, cun investimento de máis de 368.000 euros.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o alcalde de Portomarín, Juan Serrano, firmaron hoxe de xeito telemático este acordo en materia de infraestruturas hidráulicas.

O Goberno galego, a través de Augas de Galicia, contribuirá ao financiamento das actuacións coa achega do 80% do orzamento, algo máis de 294.500 euros, contribuíndo o Concello co 20% restante, arredor de 73.600 euros.

O obxectivo desta actuación é modernizar o sistema de abastecemento ao núcleo de León mediante a implantación dunha condución principal de distribución de auga da que partirán as acometidas domiciliarias.

Na actualidade, este núcleo consta dunha caseta de contadores á que chega a auga do depósito de Recelle e a partir da que saen 19 conducións individuais para cada inmoble.
Co fin de mellorar o sistema de abastecemento neste núcleo, o Goberno galego proxecta no marco do citado convenio unha intervención para dispor dunha única condución para toda a poboación.

Para isto, a carón da caseta de contadores acometerase unha arqueta de conexión coa rede existente, que disporá dunha válvula redutora de presión.

A Xunta continúa prestando o seu apoio técnico e financeiro aos concellos para que poidan desenvolver as súas competencias de saneamento e abastecemento de xeito eficiente.