O Gaiástech acolle hoxe un encontro no que se presentará o selo de empresa éTICa, impulsado polo consello de colexios de enxeñaría informática

O doutor en informática, Darío Álvarez, explicará esta iniciativa nunha conferencia sobre Ética e Deontoloxía na Enxeñaría Informática

Esta sesión, que forma parte do ciclo Tres14.pm organizado pola Amtega e o CPEIG, será retransmitida tamén en streaming
 

Santiago de Compostela, 30 de setembro de 2021

O centro GaiásTech acolle hoxe a partir das 15.00 horas a conferencia “Ética e Deontoloxía na Enxeñaría en Informática. O selo de Empresa éTICa do CCII”, impartida por Darío Álvarez, doutor en Informática pola Universidade de Oviedo e membro da Comisión de Ética e Deontoloxía do Consello de Colexios de Enxeñaría Informática (CCII).

O CCI vén de lanzar o “Selo de Empresa éTICa” así como un rexistro para que empresas, autónomos e institucións poidan certificar que desenvolven servizos tecnolóxicos de calidade. A iniciativa, á que xa se sumaron seis empresas, busca poñer en valor ás entidades implicadas, favorecer a súa identificación e axudar á formulación posterior de políticas específicas para elas.

No seu relatorio Darío Álvarez explicará que vantaxes aporta ás empresas o novo “Selo de Empresa éTICa” e cales son os requisitos necesarios para solicitalo. Ademais, fará un repaso dos aspectos máis relevantes do Código Ético e Deontolóxico da Enxeñaría Informática, recentemente aprobado polo Consello de Colexios de Enxeñaría Informática, e incidirá en como pode servir de apoio para a toma das mellores decisións profesionais posibles, respectando os intereses do cliente, do empregador, do profesional, da sociedade no seu conxunto e da propia profesión.

Programa Tres14.pm

O programa Tres14.pm é un ciclo de encontros e debate organizado no marco do Convenio de colaboración asinado entre a Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) para o impulso e a retención do talento dixital en Galicia.

O programa conta con espazos de networking, debate, opinión e coñecemento, no que participan expertos en distintas materias que en catorce minutos expoñen tres principios sobre a temática para, a continuación. establecer un coloquio cos participantes.

Esta sesión celébrase de xeito presencial para un grupo máximo de quince profesionais do sector das TIC e outras persoas interesadas na materia, dende o Centro GaiásTech na Cidade da Cultura ás 15:00 horas. Ademais, a xornada poderá seguirse en streaming, onde os participantes terán a oportunidade de interactuar co relator a través do chat.

O GaiásTech, centro de impulso do ecosistema dixital galego

O programa Tres14.pm forma parte da ampla axenda que a Amtega está a promover desde o GaiásTech, recentemente inaugurado, e que se configura como o elemento central e coordinador do ecosistema dixital de Galicia e da súa relación con outros sectores da economía galega.


Máis información da actividade e inscricións na web DigiTalent e en GaiasTech.xunta.gal.