A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, coa delegada da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, participou esta tarde na inauguración do Centro Comercial Vialia

Ethel Vázquez pon en valor a implicación decisiva e determinante da Xunta para facer realidade o Centro Vialia e a intermodal de Vigo

Vázquez Mourelle destaca que o complexo intermodal será o principal nodo de transporte por estrada do sur de Galicia, preparado para albergar a Alta velocidade

Indica que a este espazo chegan os trens do Eixo Atlántico, unha liña que facilita os desprazamentos de máis de 3 millóns e medio de viaxeiros cada ano e precisa a plena recuperación das frecuencias canceladas coa pandemia

Remarca que o traballo en Urzáiz debe continuar, pois este ten que ser o inicio da saída sur de Vigo que una en alta velocidade Galicia e Portugal

Avanza que a Xunta terá rematada a finais do ano a nova estación de autobuses, con 18M€, o maior investimento do Goberno galego nas intermodais

Vigo, 29 de setembro de 2021

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, puxo en valor a implicación decisiva e determinante da Xunta para contribuír ao impulso do complexo intermodal de Vigo.
Vázquez Mourelle, xunto coa delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, participou esta tarde na inauguración do Centro Comercial Vialia, que é realidade grazas á colaboración de todas as administracións.
No acto tamén estiveron presentes a directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas, o director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, e o director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro.
Remarcou o traballo levado a cabo pola Xunta, que comezou co impulso da Lei 3/2016, orixinada para evitar a parálise da cidade ante a falta de Plan Xeral. Así, detallou que a lei permitiu a ampliación das instalacións da maior fábrica de Galicia e que prosperase o complexo intermodal e o Centro comercial Vialia.
Fixo fincapé en que que o complexo intermodal é máis que un edificio público, xa que tamén supón a reordenación urbana de toda esta zona de Vigo e a configuración duns accesos que significarán un antes e un despois.
Subliñou que o proxecto intermodal tamén inclúe este centro comercial nun espazo arquitectónico icónico, que contribuirá á dinamización económica e social desta cidade.

Ademais salientou que se trata do principal nodo de transporte de viaxeiros do sur de Galicia, preparado para albergar a Alta velocidade que o Goberno de España anuncia xa como inminente.
Indicou que a este gran espazo chegan xa os trens do Eixo Atlántico Ferroviario, unha liña que facilitou os desprazamentos de máis de 3 millóns e medio de viaxeiros cada ano e que clama agora pola plena recuperación das frecuencias canceladas coa pandemia.
Manifestou que esta estación de tren se concibe como terminal pasante e non como fin de traxecto. Así, sinalou que “o traballo en Urzáiz debe continuar, pois este ten que ser o inicio da saída sur de Vigo que una en alta velocidade Galicia e Portugal”.
Recordou que para acadar a intermodalidade deste centro, a Xunta está a construír unha nova estación de autobuses, cun orzamento de 18M€, que representa o maior investimento do Goberno galego nas intermodais.
Adiantou que a terminal de autobuses estará rematada a finais deste mesmo ano, coa fin de entrar en servizo en canto os accesos o fagan posible.
O Goberno galego vén apostando pola mellora dos servizos a partir do Plan de Transporte interurbano co que os veciños desta comarca aforraron xa máis de 9M€ nos últimos 6 anos.
Ademais, a conselleira precisou que hoxe máis de 100.000 mozos galegos menores de 21 anos, 10.000 da cidade de Vigo, viaxan gratis por toda Galicia coa tarxeta Xente Nova.

Imaxes relacionadas