O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, participou hoxe no ciclo de Webinarios País, dedicado nesta ocasión a Brasil
A Xunta ve Brasil como un destino con potencial cara ao que enfocar a Estratexia Galega de Internacionalización
Trátase dun dos países no que máis creceron as exportacións galegas nos primeiros sete meses do ano: máis do dobre con respecto ao mesmo período de 2020
Supón unha oportunidade para empresas dos sectores do téxtil, a automoción, o agroalimentario ou biotecnolóxico que queiran abrir o seu mercado
A Estratexia de Internacionalización galega busca chegar aos 25.000M€ anuais en vendas ao exterior no ano 2025
O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, participou esta tarde no ciclo de Webinarios País, organizado polo Igape e que tivo como protagonista a Brasil.
Na súa intervención, Conde destacou o potencial deste destino de cara a implantar a nova Estratexia Galega de Internacionalización.
Así, Brasil é o terceiro maior cliente de Galicia en América Latina e, á súa vez, é un dos destinos con maior crecemento acumulado interanual nos primeiros sete meses do ano ao incrementarse un 122,4% as vendas galegas a este país con respecto ao mesmo período de 2020. En total alcanzáronse máis de 55M€.
Con estes datos, Brasil é un bo destino para ampliar mercado e, de feito, nestes momentos hai 29 firmas galegas asentadas alí e 200 empresas galegas exportan os seus produtos e servizos, 70 delas de xeito regular. O téxtil, a automoción, o agroalimentario e o biotecnolóxico concentran o 81,6% das operacións neste país.
Galicia está despregando a Estratexia de Internacionalización para axudar ao tecido empresarial galego a ampliar mercados e captar novos investimentos co obxectivo de chegar aos 25.000M€ anuais en 2025.