A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade interveu hoxe no Parlamento de Galicia

Ethel Vázquez sinala o concello de Melide como exemplo da mala xestión das redes municipais de saneamento que prexudican os ríos e chama a apoiar a lei do ciclo da auga para achegar solucións

Salienta que Augas de Galicia xa xestiona a depuradora municipal de Melide pero as redes municipais de saneamento continúan en mans do Concello e reciben os vertidos industriais que acaban no río Furelos sen depurar

Lembra que a Xunta dispón do proxecto para poñerlle fin aos problemas de saneamento do polígono da Madanela e o compromiso do cofinanciamento, pero o Concello non pon os terreos, o que impide formalizar o convenio e iniciar as obras

Defende a necesidade das auditorías que prevé a Lei de mellora da xestión do ciclo da auga para detectar deficiencias nas redes de saneamento e corrixilas, de forma que con pequenos investimentos se solucionen grandes problemas

A nova norma crea un modelo voluntario de apoio aos concellos nas súas competencias de saneamento e depuración sen crear novas taxas aos usuarios

Santiago de Compostela, 29 de setembro de 2021

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, sinalou hoxe no Parlamento o Concello de Melide como un exemplo da mala xestión das redes municipais de saneamento que prexudican aos ríos e chamou a apoiar a Lei de mellora da xestión do ciclo da auga para achegar solucións.

Vázquez Mourelle lembrou que a Lei de bases de réxime local lle outorga en exclusiva aos concellos as competencias en abastecemento, sumidoiros e depuración. No caso de Melide, a Xunta xa apoia ao concello de forma importante ao xestionar a depuradora desde o ano 2007. Sen embargo, as redes municipais de saneamento continúan en mans do Concello e reciben os vertidos industriais que acaban verténdose no río Furelos sen depurar.

Informou de que, con ánimo de aumentar o apoio ao Concello de Melide, o Goberno galego tamén redactou o proxecto para conectar as augas residuais do polígono da Madalena coa depuradora municipal. O proxecto está rematado desde finais do ano pasado, indicou, pero o Concello aínda non puxo á disposición os terreos, o que impediu a formalización do convenio de colaboración e poder iniciar as obras.

Concretou que a Xunta, a través da Consellería de Medio Ambiente, confirmou a súa disposición a financiar a actuación, achegando 1/3 dos 1,5 M€ que custarán as obras, a partes iguais co Concello e coa Deputación.

O Goberno galego acometeu desde 2009 obras de saneamento por importe de máis de 850.000 euros, con actuacións como a realizada nas parroquia de Santa María, San Martiño ou na zona do Ribeiro.

Apoio na xestión

Ethel Vázquez fixo fincapé en que para darlle solución a este tipo de dificultades que ten Melide e moitos outros concellos para xestionar de xeito eficaz as súas responsabilidades en materia de augas, a Xunta está a impulsar a Lei de mellora da xestión do ciclo integral da auga.

Sinalou que os problemas de Melide confirman a importancia das auditorías previstas pola Lei para detectar deficiencias nas redes de saneamento e corrixilas.

Explicou que as redes producen vertidos contaminantes e achegan exceso de caudal á depuradora, porque non se controla a entrada de auga da chuvia, do mar ou da actividade industrial, como é o caso de Melide. Isto incrementa os custos de depuración, deteriora os equipos e reduce a eficacia do propio proceso de depuración, prexudicando aos ríos, como acontece no caso do río Furelos.

Neste sentido, o anteproxecto da lei identifica este e outros moitos problemas e marca unha folla de ruta para emendalos. Por isto, a conselleira puxo en valor a lei como unha ferramenta útil para mellorar e preservar a calidade das masas de augas e máis xusta no reparto de responsabilidades e de custos.

Convidou a achegar propostas construtivas ao anteproxecto de lei, xa que aínda se atopa en fase de consulta pública.

A nova norma crea un modelo voluntario de apoio aos concellos nas súas competencias de saneamento e depuración sen crear novas taxas aos usuarios.

Imaxes relacionadas