A Xunta inviste 350.000€ no primeiro obradoiro que compartirán Dozón, Rodeiro e Agolada para formar a 20 alumnos en xardinería e traballos forestais

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, acompañada polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, presentou hoxe en Dozón o novo programa de emprego e formación que favorecerá o desenvolvemento económico e sostible na comarca do Deza

Lorenzana destaca que os obradoiros son “unha porta ao emprego” ao tempo que posibilitan a mellora das condicións de vida da contorna

A provincia de Pontevedra porá en marcha coa nova convocatoria de obradoiros duais un total de 20 programas que permitirán a cualificación de 392 persoas desempregadas a través dun investimento da Xunta de preto de 7M€, dos que dous terán lugar na comarca do Deza

Aos obradoiros duais súmanse os destinados á mocidade aos que a Administración autonómica destina este ano na provincia 3 millóns de euros para formar a 128 alumnos e alumnas, dos que 32 persoas pertencen ás comarcas do Deza e de Tabeirós-Terra de Montes

Dozón (Pontevedra), 29 de setembro de 2021

Dozón, Rodeiro e Agolada compartirán por primeira vez un obradoiro dual de emprego ao que a Xunta destinará preto de 350.000 euros, o que posibilitará o acceso a un emprego e a formación de 20 persoas desempregadas nas especialidades de xardinería e traballos forestais. A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, acompañada polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López; e dos alcaldes de Dozón, Adolfo Campos; Rodeiro, Rubén Perfecto; e de Agolada, Luis Calvo, presentou hoxe en Dozón esta iniciativa que permitirá aos seus participantes adquirir o coñecemento e destrezas necesarias para realizar un oficio e conseguir un emprego, ao tempo que contribuirán, en palabras de Lorenzana, a “xerar un valor engadido para a comarca”, a través da mellora de espazos públicos e de uso común para os veciños e veciñas.
A conselleira explicou que os obradoiros de emprego supoñen “unha porta ao emprego” ao tempo que melloran as condicións de vida da contorna. Neste caso, o obradoiro de Dozón, Rodeiro e Agolada permitirá o acondicionamento de zonas verdes e espazos públicos nestas localidades. Durante os nove meses que dura o obradoiro, os alumnos e alumnas formarán parte dunha cadea de valor que favorecerá, segundo subliño a conselleira, o desenvolvemento económico e sostible do territorio. “É unha fórmula próxima e eficaz para dinamizar o emprego local e poñer en valor as oportunidades laborais”, apuntou. Trátase de programas que ademais de ofrecer unha formación de calidade permiten desenvolver traballos produtivos de utilidade pública ou interese social coa posibilidade de acreditalo a través dos certificados de profesionalidade.

Provincia e comarca

A Xunta destinará este ano case 7 millóns de euros para poñer en marcha na provincia de Pontevedra un total de 20 obradoiros duais de emprego nos que se formarán 392 persoas. A comarca do Deza contará con dous programas: ao de Dozón, Agolada e Rodeiro súmase o concedido para Lalín, que comezará o vindeiro mes de outubro e centrarase no mantemento do Paseo do Pontiñas a través dos módulos de Traballos de Carpintaría e Actividades de Conservación e Mellora de Montes durante nove meses.
A Consellería de Emprego e Igualdade, ademais, está a investir tres millóns de euros para o desenvolvemento de 8 obradoiros xuvenís na provincia de Pontevedra, que permitirán o acceso a un emprego e a cualificación de 128 persoas desempregadas. Nas comarcas do Deza e de Tabeirós-Terra de Montes desenvolveranse dous, nos concellos de Lalín e A Estrada, cun investimento global de 740.000 euros e a participación de 32 alumnos e alumnas. Lalín desenvolverá Lalinnova cos módulos de sistemas microinformáticos e actividades físicas e a capital de Tabeirós celebrará A Estrada 2021 coas especialidades de forestal, xardinaría e carpintaría.
Grazas ao investimento autonómico histórico de 41,2 millóns de euros, celebraranse en toda Galicia nos próximos meses 113 talleres de emprego (94 obradoiros duais e 19 programas para persoas mozas) destinados a 2.200 persoas.

Imaxes relacionadas