A Xunta adxudica por preto de 90.000 € a redacción de dous proxectos construtivos para reducir o risco de inundacións no río Anllóns en Carballo

Trátase dos proxectos para a remodelación da ponte da rúa Fomento e a canle e motas de contención augas abaixo; e para a demolición da ponte de San Martiño e da nova ponte da rúa Deza á rúa San Xoán Bautista

Augas de Galicia avanza xa na contratación da redacción do proxecto para a demolición de edificación, remodelación da ponte e creación dunha canle de augas altas na rúa Sol

Están xa contratados os proxectos da canle de desaugadoiro na zona de Muíño do Quinto; de remodelación integral do parque de San Martiño; e de mellora hidráulica do río no enlace entre a AG-55, na rúa de A Cepeira, en Sísamo

A Xunta impulsa estas intervencións no marco do convenio de colaboración co Concello de Carballo para impulsar as obras identificadas como prioritarias no plan de xestión específico desta área, cun investimento global de 3M€

Segundo o acordado, Augas de Galicia executará as obras e o Concello porá á disposición os terreos e encargarase do seu mantemento unha vez finalizadas

Santiago de Compostela, 29 de setembro de 2021

  A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, adxudicou por preto de 90.000 euros a redacción de dous proxectos construtivos para o desenvolvemento das actuacións necesarias para reducir o risco de inundacións no río Anllóns en Carballo.

Concretamente, os contratos adxudicados refírense á redacción do proxecto construtivo para a remodelación da ponte da rúa Fomento, coa remodelación da canle e motas de contención augas abaixo da ponte; e do proxecto de demolición da ponte de San Martiño e da nova ponte da rúa Deza á rúa San Xoán Bautista.

Estes dous contratos foron adxudicados á empresa Ingeniería do Noroeste S.L. Os traballos contan cun prazo para a elaboración dos proxectos de 3 meses, respectivamente.

Augas de Galicia segue, ademais, avanzando na contratación da redacción do proxecto construtivo para a demolición de edificación, remodelación da ponte e creación dunha canle de augas altas na rúa Sol.

A entidade hidráulica da Xunta ten xa contratada a redacción dos outros tres proxectos, na canle de desaugadoiro, na zona de Muíño do Quinto; de remodelación integral do parque de San Martiño; e para acometer a mellora hidráulica do río Anllóns ao seu paso polo enlace entre a AG-55, na rúa de A Cepeira, en Sísamo, que completan as actuacións previstas de cara a minimizar o risco de inundacións no río Anllóns ao seu paso por Carballo.

Plan de xestión da área de risco de inundación do río Anllóns

Trátase de actuacións que está a impulsar o departamento que dirixe Ethel Vázquez, no marco do convenio de colaboración asinado co Concello de Carballo para desenvolver os proxectos construtivos e a execución das obras identificadas como prioritarias no plan de xestión específico da área de risco potencial significativo de inundación do río Anllóns, que suporán un investimento global de 3 millóns de euros.

Segundo ese acordo, a Xunta asume integramente o investimento destas actuacións, contando co cofinanciamento dos Fondos Feder 2014/2020. Augas de Galicia levará a cabo a contratación da redacción e aprobación dos proxectos das intervencións e a execución das obras.

Pola súa banda, o Concello porá á disposición os terreos necesarios para o inicio das obras e realizará as xestións para posibilitar a súa execución. Tamén recibirá as obras para o seu mantemento e conservación.

Augas de Galicia, no plan de xestión específico realizado na área de risco potencial significativo de inundación do río Anllóns, preveu distintas opcións para realizar actuacións que contribúan a minimizar o risco de inundación.

As actuacións que se consideran máis prioritarias son a demolición da edificación, a remodelación da ponte e a creación dun leito de augas altas na rúa Sol. Tamén se inclúen a remodelación integral do parque San Martiño, coa construción de motas de protección fronte ás avenidas; e a reparación da ponte na rúa Fomento, coa mellora do leito e as motas de contención augas abaixo da ponte.

Ademais levarase a cabo a mellora hidráulica do río Anllóns ao seu paso polo enlace entre a autoestrada AG-55 e a estrada AC-552, no lugar da Cepeira, en Sísamo; e realizarase un bypass na zona de Muíño do Quinto.

A maiores, Augas de Galicia inclúe a redacción do proxecto de demolición da ponte de San Martiño e da nova ponte da rúa Deza á rúa San Xoán Bautista, adxudicado hoxe, se ben esta actuación non está recollida expresamente no marco das actuacións iniciais previstas pola Xunta.

A Xunta segue apostando pola colaboración entre todas as administracións e axentes implicados para estar máis preparados fronte ás inundacións e acadar unha máis rápida e mellor recuperación fronte ás súas posibles consecuencias.